O BNG de Vigo reclama ao Concello que deixe de actuar como “cómplice” da Xunta na privatización do ensino

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno municipal de Vigo que deixe de actuar como “cómplice e colaborador necesario” da política de privatización do ensino que promove a Xunta de Galiza. A fronte nacionalista afea que o Concello de Vigo actúe como “axente comercial” das escolas privado-concertadas e esixe a retirada da oferta destes centros do Portal Escolar do consistorio.

“O compromiso Concello de Vigo ten que estar coa promoción do ensino público, animando e alentando ás familias a matricularen as súas crianzas na rede pública”, defendeu o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que sinalou que hoxe en Vigo xa hai máis alumnado en centros privado-concertados que nos públicos, en particular na educación infantil e tamén en primaria.

Igrexas cualificou de “política oportunista” que o goberno de Abel Caballero sitúe permanente no mesmo nivel o ensino público e o privado. “Cre que xogando a esta ambivalencia pode rascar algún apoio máis en sectores que non son a súa base social”, reprochou o edil do Bloque. O candidato nacionalista salientou que o BNG xa ten denunciado “con contundencia” estas políticas en prol da privada por parte do Goberno municipal por subvencionar con diñeiro público os uniforme escolares de centros privados, a maioría deles baixo dirección de entidades de carácter relixioso.

“A defensa do público non pode ser só declarativa”, apostou o concelleiro do Bloque. “A defensa do ensino público pasa tamén porque o Concello deixe de ser cómplice desa activa promoción da oferta privada-concertada que desenvolve a Xunta de Galiza”.

Salir de la versión móvil