O BNG de Vigo reivindica no Calvario un modelo de cidade máis “habitábel e coas persoas no centro”

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de reivindicar no Calvario un modelo de cidade máis “habitábel, natural e coas persoas no centro” durante un roteiro celebrado este domingo pola historia do barrio. A fronte nacionalista quere poñer en valor así a transformación de espazos como o propio Calvario, a Praza da Independencia ou o Casco Vello realizada durante a alcaldía do BNG, en contraposición co “remozado superficial” de rúas que promove o actual Goberno municipal.

Humanizar é moito máis que alargar un pouco as beirarrúas, ou instalar uns cantos bancos. Humanizar é democratizar o espazo público, facendo que a veciñanza gañe espazo sobre os coches”, defendeu o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que chamou a crear espazos seguros para a convivencia interxeracional, para o xogo libre das crianzas e o convivio coas persoas maiores.

“Queremos rúas que non sirvan só para atravesalas senón para facermos vida nelas”, salientou Igrexas, que destacou a importancia de actos como o roteiro, no que participaron máis de medio centenar de persoas, para “reivindicar e valorizarmos o compromiso do BNG con construír unha cidade máis habitábel, coas persoas no centro e con espazos máis naturalizados e verdes”.

Un modelo transformador fronte o superficial

O portavoz municipal nacionalista contrastou o modelo “disruptivo e audaz” que o BNG puxera en marcha na cidade hai dúas décadas desde a alcaldía de Lois Pérez Castrillo, fronte ao “remozado superficial” que se desenvolve na actualidade. Neste sentido, Igrexas contrapuxo o modelo do Calvario peonil do Bloque co “sen sentido millonario” de meter o tráfico debaixo dunha “alfombra túnel” na Porta do Sol, por “imposición” do actual Goberno local. “En lugar de apostar por unha mobilidade alternativa que reduza o uso do coche, a solución de Caballero é ocultalo”, lamentou.

O concelleiro do BNG significou o alcance transformador de accións como as peonalizacións do Calvario, da praza da Independencia ou do propio Casco Vello. “Hai dúas décadas houbo quen non entendía este modelo moderno, sustentábel e humano de facer cidade. Pero hoxe ninguén, nin o PSOE ou o PP que daquela se opuxeron con vehemencia, se atreven a cuestionar que logramos crear espazos urbanos de grande calidade de vida”, valorou.
“O mellor está por chegar”

Igrexas considerou “fundamental” este tipo de actos divulgativos. “Non o facemos por nostalxia, senón para non perder a perspectiva. A memoria é soporte da identidade, somos porque fomos”, explicou. “Fronte a quen nega a historia da cidade, a quen na súa megalomanía teima en presentar a súa chegada á alcaldía como o ano cero en Vigo, as viguesas e vigueses saben que a cidade existía antes de Caballero e continuará a existir cando abandone a alcaldía”, defendeu.

“O mellor está por chegar, e fronte a inercia paralizante actual, o BNG temos un proxecto de cidade con alternativas en positivo para darlle a Vigo o novo impulso que necesita”, remachou o portavoz municipal nacionalista.

Salir de la versión móvil