O Bloque Nacionalista Galego tacha de “broma pesada” o Comité de Nadal anunciado polo Concello de Vigo por non contar con representación da veciñanza. A fronte nacionalista afea que este Comité só estea formado por membros do mesmo Goberno local (sete edís e o alcalde) que leva anos “ignorando deliberadamente” as queixas veciñais que piden un cambio no modelo das festas.
“Este anuncio é claramente unha broma de moi mal gusto, que demostra máis unha vez o total desprezo do Goberno de Abel Caballero cara á veciñanza da nosa cidade”, criticou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. No entanto, valorou necesario un Comité para rectificar o deseño “caprichoso” do Nadal, "mais con participación dos axentes sociais e dos técnicos do Concello e non só responsábeis políticos".
Igrexas propuxo así que o Comité de Nadal conte con representación dos colectivos veciñais afectados da zona centro, "que demandaron o pasado ano sen éxito reunirse con membros do Goberno local". Ademais, considerou “importante” a presenza de representantes do conxunto dos comerciantes da cidade, así como “imprescindíbel” a de técnicos municipais das áreas de Seguridade e Transporte.
“Para asegurar que este Nadal non volva ser unha tortura para a veciñanza de Vigo, non se poña en risco a seguridade das persoas nin se provoque un caos circulatorio como o que padecemos o pasado ano”, afirmou o portavoz nacionalista, quen chamou a descentralizar esta celebración para levala ao conxunto dos barrios e parroquias evitando a “masificación” pola decisión de concentrar todo nunha pequena superficie do centro da cidade.