O Bloque Nacionalista Galego vén de urxir reforzar o mantemento do aeroporto de Peinador para evitar novos peches da terminal. A fronte nacionalista pide a Aena que intensifique os traballos até que se inicie a renovación integral da pista de aterraxe, anunciada para maio de 2024, para que non volva quedar inoperativa pola aparición de fochancas, como ocorreu o pasado marzo por terceira vez en apenas ano e medio.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, asegurou ademais que aproveitando este investimento “é o momento” de mellorar a terminal do sur de Galicia cun Plan de Dinamización. Unha proposta que as nacionalistas levan anos demandando, a través de emendas aos Orzamentos Xerais do Estado, pero que -denuncian- toparon sempre coa negativa dos sucesivos Gobernos españois e coa "total inacción" por parte da Xunta.
“É hora de apostar decididamente por Peinador, e iso esixe un compromiso firme e claro para potenciar o aeroporto da área económica máis importante de Galiza”, defendeu Igrexas. Entre as medidas propostas, o voceiro do BNG reclamou mellorar os accesos viarios á terminal viguesa e tamén a súa conexión intermodal, tanto coas estacións de tren como coa posta en marcha dun servizo de bus directo, como existe no resto de aeroportos galegos. No mesmo sentido, chamou a tomar as medidas necesarias para permitir a apertura do aeroporto durante as 24 horas do día, e non só durante unha parte da xornada.
Dende a fronte nacionalista consideraron ademais “absolutamente estratéxico” desenvolver as potencialidades de Peinador como terminal loxística e de mercadorías. “Para evitar situacións como, por exemplo, que o peixe que se descarga no Porto de Vigo viaxe en avión dende outros aeroportos do Estado”, salientou Igrexas.