A aparición de cartelaría anunciando unha feira taurina en diferentes ámbitos de Vigo, entre eles o Casco Vello vén de provocar que o BNG de Vigo demandase ao Concello que aplique a ordenanza municipal de publicidade exterior para evitar que “a tortura animal se anuncie con impunidade na vía pública”.
Segundo explicou o concelleiro Xabier P. Igrexas, “o maltrato e a tortura animal non son ningunha manifestación cultural. As touradas son unha expresión de brutalidade que non se corresponde cunha sociedade civilizada que cada vez demanda un maior respecto para o benestar animal”. O voceiro nacionalista anticipou que se dirixirán ao Goberno municipal para que inste á empresa responsábel a retirar inmediatamente a cartelaría e que se lle apliquen as sancións que correspondan.
O BNG destaca que Vigo foi a primeira cidade galega en prohibir a realización de espectáculos con animais no termo municipal. Non entanto, chamou a avanzar nesa mesma liña e a evitar que empresas que fan negocio de torturar animais se poidan anunciar nas rúas da cidade incumprindo as ordenanzas municipais.