O Bloque Nacionalista Galego anunciou esta mañá que demandará do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) a paralización das obras do recheo para a ampliación do pantalán número dous da dársena de Bouzas, no Berbés.
As actuacións veñen de reiniciarse nos últimos días nun proxecto co que a Autoridade Portuaria pretende aterrar 8.300 metros cadrados. Unha "agresión ambiental" que, para o BNG, "non debe continuar" mentres non se teña aprobado de maneira definitiva a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) de Vigo.
A DEUP atópase arestora en fase de avaliación ambiental estratéxica e ten recibido "numerosas alegacións" por parte de colectivos ecoloxistas e entidades sociais. Tamén o Bloque alegou esixindo a suspensión da avaliación simplificada e a realización dun proceso ordinario.
“Non ten sentido ningún que cando o Porto de Vigo non ten un documento imprescindíbel para planificar e ordenar a súa superficie –a DEUP–, se estea executando un novo recheo”, criticou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.
Igrexas anunciou que a través dunha iniciativa do deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, demandarán que o Goberno español ordene a inmediata paralización das obras. Aliás, o portavoz municipal nacionalista demandou unha “oposición firme” por parte do Goberno local.
“Hai uns días Abel Caballero pregoaba o seu non a novos recheos portuarios. Ten que pasar das palabras aos feitos e adoptar todas as medidas políticas, administrativas e xurídicas das que dispón para frear esta agresión no Berbés”, acrecentou.