O BNG levou á Cámara a situación da nova Cidade da Xustiza de Vigo, inaugurada en maio de 2022 tras unha serie de sobrecustos cun importe de 10,6 millóns de euros por desperfectos na estrutura orixinal do edificio que non foron advertidos polo Goberno do PP.
A deputada viguesa, Carmela González, recriminou á secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Segunda, Elena Muñoz, todo o proceso que levou a unha Cidade da Xustiza con numerosas “deficiencias” no seu proceso de demolición e rehabilitación e, agora, coa súa usabilidade, criticada xa por usuarios e usuarias ademais do persoal funcionario que traballa neste complexo, “o proxecto inicial tivo que ser modificado polo que o Goberno galego cualificou de contratempos e que supuxeron un sobrecusto de máis do 30% do orzamento inicial en cada unha das fases de demolición e construción”, recriminou.
Esta demolición, detallou, foi adxudicada o 15 de xuño de 2017 e a contratación para a elaboración dos estudos e informes o 11 de xullo, polo que, sinalou, “foi adxudicada antes a demolición que o informe que indica como está o edificio”. En relación aos sobrecustos, González Iglesias denunciou que ata 10,6 millóns de euros se tiveron que pagar por riba dos custos iniciais como consecuencia da aparición de amianto e mal estado das estruturas dos edificios anexos á torre do antigo hospital na fase previa á demolición, após un informe encargado pola Xunta á empresa Euroconsult, cun custo de 105.996 euros. O que deixa, en palabras da deputada do BNG, “dúas posibilidades, ou ben que a empresa non advertira das deficiencias ou que si o fixeron e non foron tidos en conta na redacción do proxecto e calquera das posibilidades é moi grave e a Xunta ten que depurar responsabilidades”, declarou.
A deputada de Vigo fixo referencia, ademais, ás ineficiencias do novo complexo, que “non ten espazo suficiente para o persoal funcionario”; salas de vistas pequenas e estreitas, “especialmente para os xulgados penais e para a Audiencia”; espazos escasos para os equipos psicosociais “nos que teñen que reunirse con familias que en moitos casos teñen nenos que non teñen un lugar onde xogar mentres esperan polo seu pai e nai”, recriminou. De feito, sinalou, o complexo non está dotado de salas de agarda para a cidadanía, ten problemas de sonoridade “que dificultan a celebración dos xuízos” e hai notables carencias na intimidade das persoas detidas e das súas familias no momento de comparecer fronte o persoal funcionario.
A esta precariedade dos servizos dispoñibles na nova Cidade da Xustiza súmasenlle os problemas de calefacción do mesmo e un arquivo “que queda pequeno, o que obriga a que moitos expedientes sigan nos antigos xulgados da rúa Lalín, só 30.000 dos máis de 100.000 expedientes serán trasladados”, criticou a parlamentaria nacionalista.
Neste sentido, hai filtracións de auga consecuencia das choivas do pasado decembro que provocaron que o arquivo acabara anegado, “mollando expedientes que correron o risco de quedar destruídos”, situación fronte a cal a decisión do goberno galego foi, denunciou a deputada viguesa, “poñer panos de papel”. Estes agravios forman parte dunha listaxe á que se lle suman, denunciou González, ata 400.000 euros dedicados á súa iluminación exterior.