O BNG denuncia que os orzamentos da Xunta "insisten no abandono co que o PP castiga Vigo"

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego denunciou este xoves a "política de abandono coa que o PP continúa a castigar Vigo", nunha primeira valoración do proxecto de orzamentos presentado pola Xunta de Galiza. Unhas contas que para a fronte nacionalista "insisten nos erros da última década coa cidade ao non reforzar os servizos públicos e querer perpetuar o modelo privatizador e de recortes" que converteu Vigo na “zona cero da desfeita sanitaria” en Galiza.

“Estes orzamentos desatenden necesidades urxentes”, salientou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que apuntou que xa traballan para emendar as contas e esixir un aumento substancial do investimento de 2022 para a cidade. Nesa liña, apuntou a "urxencia" de dotar dun novo instituto ao barrio de Navia, unha reivindicación histórica da veciñanza e que foi unha reiterada promesa electoral do PP. “O único que recolle nos seus orzamentos é unha partida ridícula e insultante de apenas 50.000 euros para elaborar un proxecto que xa debera terse feito este ano”, subliñou Igrexas, que adiantou que reclamarán unha partida orzamentaria para 2022 que permita iniciar as primeiras fase para a construción do centro educativo no menor tempo posíbel.

O concelleiro nacionalista en Vigo destacou a ausencia de partidas para ampliar a oferta de prazas públicas de escolas infantís na nosa cidade “cando tres de cada catro solicitudes fican cada curso sen praza”, incidiu Igrexas, ou o anuncio dunha residencia de maiores, comprometida desde o ano 2009, "da que aínda nada se sabe".

Recordou ademais algunas das infraestruturas "necesarias e que ignoran os orzamentos presentados polo PP", como a posta en marcha do túnel de Xulián Estévez ou a prolongación do túnel de Beiramar ata Bouzas, entre outras actuacións.

Sobre a Sanidade, dende o BNG consideran que “estas contas queren cronificar esta política sanitaria de recortes, de privatización, que converteron a área sanitaria de Vigo na verdadeira zona cero da desfeita sanitaria”, á vez que denuncian que “o PP quere seguir a destinar 200 millóns de euros de diñeiro público cada ano para encher os petos da concesionaria privada, titular do Hospital Álvaro Cunqueiro, e tamén da dirección privada de Povisa”.

O concelleiro do BNG en Vigo criticou a actitude dos principais cargos populares na cidade como Corina Porro, a concelleira Teresa Ejerique ou a delegada da Xunta, Marta Fernández-Tapias por “celebrar de maneira irresponsábel uns orzamentos que insisten na negativa frontal a reforzar os servizos públicos que son titularidade da Xunta na nosa cidade”.

Por último, Igrexas demandou ademais unha resposta firme ante a situación de grave crise industrial, produtiva e laboral que atravesa a cidade de Vigo que, na súa opinión, estes orzamentos non enfrentan, en especial en sectores estratéxicos como o caso do naval. “A día de hoxe en Vigo hai por volta de 10.500 postos de traballo menos dos que existían na altura do ano 2009”, recordou Igrexas, que chamou a apostar pola innovación e unha maior actividade en ámbitos estratéxicos como a tecnoloxía e as novas comunicacións.

Salir de la versión móvil