O Bloque Nacionalista Galego denunciou este mércores un "novo paso na privatización da sanidade na área sanitaria de Vigo, como consecuencia das políticas da Xunta gobernada polo PP". A deputada no Parlamento galego, Montse Prado, alertou en rolda de prensa dun "novo contrato millonario que vén de licitar o Sergas para derivar pacientes da sanidade pública á privada co fin de rebaixar as listas de espera".
“O obxectivo do PP é deixar unha sanidade pública esnaquizada, en mans de multinacionais de fóra de Galiza", criticou Prado, que esixiu que “o PP deixe de actuar como comercial destas empresas privadas e de intentar normalizar este traslado constante de cartos”. A deputada nacionalista informou de que o contrato ascende a 49,5 millóns de euros para os próximos cinco anos que, sumados aos xa en vigor, son un total de 160 millóns cada curso que se “detraen da pública para entregar á privada” na área de Vigo.
Para Prado este novo contrato é un “auténtico escándalo”, pois recordou que hospitais privados como Povisa xa teñen listas de agarda de pacientes derivados da sanidade pública, unhas 2.700 persoas segundo os últimos datos.
A deputada do BNG advertiu de "graves deficiencias" que afectan actualmente a esta área sanitaria con máis de medio millón de pacientes de 26 concellos. Denunciou as "longas demoras" para procesos e tratamentos tan importantes como a rehabilitación de doentes de ictus, para a atención en saúde mental, en citas de xinecoloxía e de oncoloxía.
Por estes motivos, Prado anunciou que a fronte nacionalista presentará emendas aos orzamentos da Xunta presentados polo PP para 2022 para esixir unha "rectificación" nestas políticas sanitarias, cuxas partidas incrementan, segundo os cálculos dos nacionalistas, un 0,03% a respecto do presente ano. En particular, subliñou que a Atención Primaria é unha das "máis damnificadas", con dous millóns de euros menos, malia estar “en situación de colapso e endémica falta de profesionais”.
Como exemplo desta política de recortes na Atención Primaria, sinalou a recente inauguración do centro de saúde de Bouzas como “unha burla á veciñanza” por abrir con só con tres profesionais e unha soa consulta de medicina de familia e enfermería.