O BNG esixe a supresión “efectiva” da peaxe de Chapela coa retirada das cabinas

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego volveu reclamar que se axilice a aplicación das bonificacións comprometidas polo Goberno español nas peaxes da AP-9, e singularmente a supresión “efectiva” da portaxe de Chapela, coa retirada das cabinas de cobro.

Os portavoces municipais do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, e Redondela, Xoán Carlos González, compareceron onte en rolda de prensa conxunta decorrida na cidade olívica, para trasladar publicamente a esixencia das nacionalistas de urxir a posta en marcha das medidas prometidas polo executivo estatal fronte a “estafa diaria” das peaxes.

Igrexas e González expresaron o apoio do Bloque ao rexeitamento, manifestado polas asociacións veciñais de Teis e de Chapela, perante o intento do Ministerio de Fomento de aplicar a supresión da peaxe entre a cidade de Vigo e a localidade de Redondela obrigando a utilización da telepeaxe. “O que hai que facer é botar abaixo as cabinas e aplicar o mesmo sistema que se utilizou en anteriores supresións”, esixiu Igrexas, aludindo ao precedente da retirada da portaxe entre O Morrazo e Vigo.

Neste sentido, González advertiu do forte impacto que ten para a mobilidade entre ambos os dous municipios a permanencia das peaxes. “Falamos de máis de 6 mil desprazamentos diarios. E a eliminación desta peaxe permitiría rebaixar tamén a forte carga de tráfico doutros viais”, explicou o edil redondelano, que recentemente se reuniu coa Asociación de Afectados pola ampliación da AP-9.

Demora inxustificábel

Desde a fronte nacionalista cargan contra a demora inxustificábel na aplicación das rebaixas na AP-9 por parte do Goberno español de PSOE e Unidas Podemos. “Estes compromisos recolléronse no acordo de investidura, subscrito polo BNG co PSOE, en xaneiro de 2020. Hai partidas orzamentarias dispoñíbeis desde o 1 de xaneiro de 2021. Pero levamos moitos meses con promesas e adiamentos, pero sen ver estas medidas feitas realidade. Primeiro dixeron que no segundo trimestre, despois que antes do verán, logo que en xullo e agora falan de agosto. Xa abonda de vacile.”, reprochou Igrexas.

Pola súa parte, o portavoz do Bloque en Redondela, Xoán Carlos González, defendeu que “a reivindicación social contra a peaxe de Chapela ten que ter resposta inmediata por parte do Goberno español, non facelo sería unha traizón por parte de PSOE e Unidas Po-demos”.

Salir de la versión móvil