O Bloque Nacionalista Galego vén de demandar expresamente que a Xunta de Galiza informe de cantas probas PCR se practicaron na cidade de Vigo, para desta maneira ponderar e contextualizar a redución no incremento de casos positivos confirmados por coronavirus nos últimos días. Unha demanda que inscriben no reclamo de que o Sergas informe de maneira desagregada dos datos por municipios e non apenas por área sanitaria.
"No último Pleno todas as forzas políticas, agás o PP, esiximos coñecer os datos reais da evolución epidemiolóxica na cidade. Non hai ningún argumento científico ou sanitario que xustifique a opacidade da Xunta. Canta máis información dispoñamos en mellores condicións estaremos para adoptar medidas adicionais a nivel municipal", explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. "Por que razón a Xunta non quere que as viguesas e vigueses saibamos a situación real que se vive na cidade?", inquiriu.
En relación ao número de tests e probas PCR, Igrexas lembrou que "todas as expertas e expertos indican que hai que facer o maior número posíbel de probas e cribados" para un control máis eficaz da pandemia. "Non queremos pensar que haxa quen estea tentado de maquillar os datos reducindo unicamente a estatística con menos probas", expresou o portavoz municipal nacionalista.
Segundo os datos de hoxe, a Xunta reduciu á metade nas últimas 24 horas as probas realizadas no conxunto da área sanitaria. Así, este domingo foron feitas 1.013 probas PCR, namentres que na xornada anterior a cifra era case que o dobre, con 1.990 probas. Son cifras para toda a área sanitaria que agrupa a 26 concellos.