O polémico novo recheo que expón o Porto de Vigo e que afectaría ás vistas do Auditorio Mar de Vigo atópase coa oposición do BNG de Vigo. A fronte nacionalista insta ao Concello a utilizar todos os medios “administrativos e legais” para paralizar esa nova “agresión ambiental contra a Ría”. O concelleiro Xabier Pérez Igrexas demanda tamén ao goberno que encabeza Abel Caballero que informe de cal foi a posición dos representantes municipais no Consello de Administración da Autoridade Portuaria con este proxecto.
O novo aterramento executaríase no pantalán número dous da dársena de Bouzas, nas inmediacións do Berbés e tería por obxecto ampliar a lonxa. “O BNG temos unha posición clara e firme: o tempo dos recheos rematou”, afirma Igrexas.
O edil nacionalista criticou que ese recheo para alén do “evidente efecto ambiental” terá tamén efectos negativos a nivel paisaxístico e dificultará a integración urbana da faixa litoral no Berbés, “unha tarefa que sigue pendente”. Ademais, Igrexas advertiu de que a ampliación da lonxa nesa localización suporá acabar coas vistas privilexiadas que ten a cristaleira do hall do Auditorio Mar de Vigo.
Dende a fronte nacionalista denuncian a “irracionalidade” da Autoridade Portuaria presidida por López Veiga, que “teima na aberración de seguir gañando metros ao mar cementando a nosa Ría”, malia non dispor nin dunha delimitación de uso e espazos portuarios nin dun Plan Especial. Lembran que a cidade xa ocupa arredor de 3 millóns de metros cadrados do seu litoral.