O BNG lamenta que as humanizacións se dividan só para poder inaugurar obras cada 200 metros

Caballero destapa la placa de inauguración de un tramo de las rampas de Gran Vía

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego pronunciouse após o anuncio do Goberno municipal de iniciar a cuarta fase de humanización da avenida do Alcalde Gregorio Espino, criticando a “irracionalidade e ineficiencia” na xestión deste tipo de obras.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, explicou que malia que esta avenida ten menos de un quilómetro de extensión vai precisar de até cinco fases diferentes para completar a súa humanización. “Tendo en conta que a primeira fase se iniciou en 2018 e que a quinta inda non ten data, moi dificilmente vai estar culminada a obra antes do 2023”, acrecentou.

Para o portavoz municipal nacionalista esta dinámica só pode responder "á incapacidade de xestión do Goberno e ao afán deliberado por instalar cada 200 metros unha placa de inauguración co nome de Abel Caballero". “Cinco anos é o que tarda o Goberno municipal de Vigo con máis orzamento da historia da cidade e con plena capacidade de obrar pola súa maioría absoluta, en humanizar pouco máis de 900 metros”, reprochou.

10 meses para 200 metros

Desde o Bloque tamén manifestan a súa preocupación polo feito de que a actuación prevista na cuarta fase, que só intervirá en apenas 200 metros da rúa, vai ter de prazo dez meses para a súa execución. Ao se tratar dunha das principais arterias da zona, Igrexas, defende que se deben axilizar o máximo os prazos para reducir os efectos negativos tanto no tránsito de persoas como de vehículos. “Non se trata de dicir que se quere humanizar a cidade, trátase de demostralo na práctica e iso pasa por xestionalo con axilidade e eficiencia poñendo os intereses da veciñanza por diante en lugar de facer procurar o maior número de anuncios e fotografías”, demandou.

Aliás, a fronte nacionalista denuncia o “total abandono” que padecen as zonas da avenida que inda non foron humanizadas, o que xera “tramos de primeira e de segunda” nunha mesma vía, como sucede noutras moitas rúas da cidade. Neste sentido, poñen como exemplo a situación da pequena praza onde estaba instalado un exemplar singular de carballo, a carón do número 63, e que despois de tronzar pola falla de mantemento a veciñanza inda agarda que sexa substituído por un novo exemplar.

Salir de la versión móvil