O BNG levará a pleno a construcción dun novo instituto público en Mos

Publicidad

O BNG presentará no próximo pleno municipal de Mos unha moción para instar a Xunta á construír un novo instituto público con FP. O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, di "confiar" en que o resto de grupos políticos da corporación voten a favor dunha proposta que “é de xustiza” e que ofrecería unha solución á saturación de alumnado do actual instituto público, o único do municipio de 15.000 habitantes.

Na opinión do Bloque, a creación do novo centro educativo “suporía un impulso para as empresas e a industria asentada no concello, pois permitiría que o tecido produtivo local participara da formación das rapazas e rapaces, mellorando a súa competitividade e a produción”. Por outra parte, a mocidade mosense ten que trasladarse actualmente fóra do concello para acceder á Formación Profesional e a ausencia dun transporte público eficaz obriga á dispor, na inmensa maioría dos casos, dun vehículo propio para acudir diariamente ás aulas.

O BNG de Mos incluíra, sen éxito, a proposta para a construción dun novo instituto público entre as emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza para 2021. A iniciativa foi rexeitada polo Partido Popular no Parlamento Galego. Gustavo Barcia amosara xa a súa sorpresa ante o voto en contra emitido pola deputada Felisa Rodríguez Carrera, veciña de Mos, “sabendo que é unha necesidade e unha reclamación do profesorado, o alumnado e as familias”.

Reparacións no IES de Mos

O actual IES de Mos conta con aproximadamente 640 alumnos e alumnas, unha cifra moi superior á que estaba prevista no momento da súa construción. “O instituto ten xa máis de 25 anos”, indica Gustavo Barcia, “e é imperioso que se acometa unha reparación integral do edificio para arranxar pingueiras, humidades e roturas produto do paso do tempo e o uso”. A substitución das cubertas está xa en tramitación na Xunta de Galiza, pero o BNG reclama tamén a creación de novos equipamentos que actualmente non existen. “A crise da covid-19 puxo de manifesto a necesidade de dotar ao centro dun patio cuberto”, insiste o concelleiro, que lembra que, cando chove, “a rapazada ten que estar practicamente apiñada durante o tempo de lecer”. O centro foi precisamente noticia esta semana polo brote de contaxios de coronavirus que derivou no peche perimetral do municipio. 

Salir de la versión móvil