O BNG pide á nova delegada da Xunta en Vigo “o fin da política de abandono” na cidade

Fernández-Tapias na súa toma de posesión este luns // XUNTA DE GALICIA

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego vén de expresar a súa “moi pouca confianza" en que a nova delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, supoña "algo máis que un mero cambio de caras”. 

O concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, afirmou que “temos moi poucos elementos para agardar que exerza como algo máis que de avogada de Feixóo en Vigo, defendendo o indefendíbel e xustificando a política de abandono que practica o Goberno galego contra a principal cidade do noso país como fixeron as persoas que a precederon”.

"O que as viguesas e vigueses gostarían poder agardar da nova delegada é que tome boa nota do mandato social e electoral que a cidade expresou nas urnas, a última vez o pasado 12 de xullo onde 6 de cada 10 viguesas e vigueses dixemos non ás políticas de Feixóo”, reclamou o portavoz municipal nacionalista.

Entende Igrexas que Fernández-Tapias debe “recoller as demandas e reivindicacións da cidade” entre as que incluíu poñer fin ao desmantelamento dos servizos públicos, acabar coa privatización da sanidade e desbloquear cuestións como o novo instituto de Navia ou a mellora das conexións de transporte.

"Hoxe en Santiago tomou posesión Marta Fernández-Tapias e desde o BNG queremos que entenda que o seu papel non é só representar o Goberno galego en Vigo, senón recoller o mandato e o sentir desta cidade que leva anos dicindo basta á política de abandono á que condena a esta cidade a Xunta de Feixóo", remachou Pérez Igrexas.

Salir de la versión móvil