O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego para que a Xunta actúe diante do drástico descenso da produción marisqueira na enseada de San Simón. A fronte nacionalista insta ao Goberno galego a elaborar un estudo para analizar as causas desta baixada e urxe a deseñar un plan de actuación para resolver o problema, que afecta a centos de mariscadoras a pé das confrarías de Redondela, Arcade e Vilaboa. “É responsabilidade da Xunta de Galiza intervir para prestar o apoio necesario que permita reverter a situación, empezando por analizar os motivos que a provocaron”, reclamou a deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández. “Se non se aborda esta problemática de forma inmediata, esta actividade extractiva e os seus postos de traballo están en serio risco”, advertiu.
A deputada nacionalista subliñou que esta problemática leva anos agravándose mentres a Xunta do PP mira cara outro lado. Tal como denuncian as propias mariscadoras, veñen padecendo un grave descenso da produción da meirande parte das especies, en particular de ameixa e berberecho. Só na última década, segundo cifras das confrarías, o volume de descargas caeu por volta dun 29%, mentres o número de traballadoras reduciuse á metade.
Fernández asegurou que as propias confrarías carecen dos medios para dar resposta a esta situación, que ten múltiples factores entre os que se atopan aspectos ambientais e o impacto de infraestruturas e verteduras na ría de Vigo. “É urxente que a Xunta poña en marcha un estudo para determinar as causas exactas desta drástica redución como paso previo a despregar un plan que garanta a continuidade da actividade marisqueira”, demandou a deputada do BNG. Neste sentido, chamou ao Goberno galego a estabelecer unha estreita colaboración co sector para dar cumprimento a ese obxectivo.
Pola súa banda, o voceiro municipal do Bloque de Redondela, Xoán Carlos González, criticou que o Goberno galego lle dea as costas novamente a un sector que tradicionalmente producía marisco de calidade. “A recuperación medioambiental da Enseada San Simón constitúe un obxecto estratéxico para que os nosos produtos do mar sigan sendo de calidade”, destacou.