O Bloque Nacionalista Galego de Redondela recupera a súa proposta de traballar coordinadamente entre o Concello e os responsables da Igrexa de Reboreda para a rehabilitación da cúpula do campanario. En marzo de 2022 un lóstrego derrubouna sufrindo importantes desperfectos. A situación solventouse parcialmente coa reconstrucción en terra deste elemento arquitectónico. A estimación das obras que significarían a volta ao seu estado orixinal peza por peza rondan os 300.000 euros. "Diversas iniciativas veciñais desenvolvéronse para poder afrontar estas obras, que ano e medio despois seguen sen poder realizarse", explican dende o BNG.
O voceiro nacionalista, Xoán Carlos González considera que "o goberno municipal debe tomar a iniciativa para trasladar o campanario á súa ubicación orixinal”. Con tal motivo empraza ao goberno de Redondela a que inicie contactos cos responsábeis do edificio relixioso para chegar a un acordo. “Mediante un escrito dirixido á Alcaldía propomos asinar un convenio de colaboración polo que o Concello financie as obras a cambio de que pasen a titularidade municipal determinados bens da Igrexa, que haberá que negociar”.
A construción da Igrexa de Reboreda pódese datar de finais do século XVII – principios do XVIII. Nos seus inicios foi unha pequena capela anexa ao pazo da Reboraina que se atopa ao seu carón, no que aínda existe un pasadizo que os une. O retábulo maior foi obra do redondelán Antonio del Villar. O conxunto patrimonial composto pola Igrexa e Cruceiro, Pazo da Reboraina, Rectoral, constitúen uns dos máis destacados de Redondela.
O edil nacionalista considera igualmente que “atopámonos ante este magnífico elemento patrimonial que debe ser aproveitado para un mellor coñecemento e difusión. Prantexamos que o concello dote económicamente unha beca para que especialistas o estudien formalmente , e se comparta con centros educativos da nosa bisbarra”. Deste xeito, segundo Xoán Carlos González, os e as escolares poderían traballar cunha peza arquitectónica para estudiar o contexto cultural e histórico da súa construcción. “Imos iniciar estos contactos nas vindeiras semanas para colaborar na planificación e desenvolvemento de propostas co fin de asegurarlles o noso apoio”, salienta o voceiro nacionalista.