O BNG pide transformar o antigo Rebullón de Mos nunha residencia pública de maiores

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego demanda unha nova residencia de maiores e centro de día no antigo inmoble do Rebullón en Puxeiros, no concello de Mos. A fronte nacionalista vén de presentar unha iniciativa no Parlamento galego para que a Xunta, titular do recinto, dote de recursos "este proxecto que o PP prometeu en campaña electoral, pero do que nada se sabe hoxe".

“Existen datos obxectivos que evidencian a necesidade dun incremento substancial da oferta de prazas públicas para que todas as persoas conten con dereito aos coidados necesarios para unha vellez digna, hoxe e mañá”, salientou a deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández. “Galiza ten un déficit de prazas públicas que nos sitúa á cola do Estado, só catro de cada dez prazas están en centros públicos”, engadiu.

En base a estas baixas cifras, a deputada sinalou que é preciso un cambio de modelo. “Por iso advertimos ao PP que se absteña de privatizar O Rebullón e solicitamos que invista na súa rehabilitación directa, o que permitiría incrementar a oferta de prazas públicas na comarca”. Desde o BNG entenden que as instalacións do antigo centro psiquiátrico ficaron “infrautilizadas” a partir do traslado do mesmo en 2016. Gran parte do inmoble, de 19.000 metros cadrados, está destinado a almacén para material de usos anteriores. Na actualidade só está ocupada unha pequena parte pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e por unha base de ambulancias do 061.

A fronte nacionalista recorda que a alcaldesa de Mos, a popular Nidia Arévalo, e a conselleira de Política Social da Xunta do mesmo partido, Fabiola García, visitaron as instalacións en plena campaña electoral, a poucos días para os comicios municipais de 2019. De feito, Arévalo cualificaba como a “promesa máis destacada” da súa política social a creación dunha residencia de maiores no Rebullón.

O PP rexeitou as emendas do BNG

“Estiveron rápidos para facerse fotos e prometer esta residencia, pero á hora da verdade foron promesas vacías”, manifestou o portavoz nacionalista en Mos, Gustavo Barcia, que lamentou que as emendas presentadas polo BNG aos orzamentos da Xunta para dotar de partidas este proxecto acabaran sempre en “rexeitamento e silencio por parte do PP”. As nacionalistas apuntaron que a insuficiente rede de prazas sitúa Galiza por baixo das recomendacións da Organización Mundial da Saúde, cunha oferta que só cobre o 3% das persoas maiores de 65 anos, que representan unha cuarta parte da poboación do país.

“No concello de Mos temos un lugar axeitado para ese fin como son as instalacións do Rebullón en Puxeiros e desde o BNG seguiremos pelexando para que sexa unha realidade”, manifestou Barcia.

Salir de la versión móvil