O BNG propón facer gratuíto o Vitrasa para os menores de 13 anos

Publicidad

O BNG pide facer unha revolución co transporte público. A fronte nacionalista propón facer gratuíto o prezo do autobús urbano para as e os menores de 13 anos. Con esta medida preténdese alargar a gratuidade, agora limitada aos pequenos de até 4 anos, equiparando o beneficio ao que xa se aplica noutras cidades galegas e do estado para impulsar a utilización do transporte público.

"Queremos facilitar o uso do autobús á poboación infantil da cidade como maneira de estimular unha mobilidade que reduza o uso do vehículo privado. Non ten sentido seguir facendo pagar a menores que na súa maioría viaxan xa acompañados por adultas e adultos que xa pagan billete", explicou Xabier Pérez Igrexas, candidato do BNG á Alcaldía de Vigo.

Por outra banda, o BNG volveu reiterar a demanda de equiparar a tarifa que se aplica no bono universitario. Na actualidade, o estudantado non universitario ten que aboar 86 céntimos de euro por viaxe, só tres céntimos menos que o bono normal. Coa equiparación pasarían a unha tarifa de 69 céntimos por viaxe.

Igrexas inseriu estas medidas como parte do “plan do BNG para revolucionar o transporte público da cidade” cuxas liñas mestras sinalan que presentarán proximamente. “Vigo merece un servizo de autobús de calidade, con mellores frecuencias, a revisión do mapa de liñas, a redución dos tempos de viaxe e novos beneficios para as persoas usuarias habituais”, avanzou.

Salir de la versión móvil