O Bloque Nacionalista Galego propón retirar a prohibición de circular por algunhas rúas de Vigo nos chamados Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP), entre eles os patinetes eléctricos, tal como recolle o proxecto de ordenanza municipal para regular o seu uso. Esta é unhas das emendas presentadas pola fronte nacionalista co obxectivo de mellorar a proposta en trámite do Goberno municipal que, porén, lamentaron non se teña elaborado antes como veñen demandando durante anos as persoas usuarias.
“Non ten ningún sentido restrinxir o acceso dos VMP a vías como a Avenida de Castelao, Gran Vía, Avenida Campoamor ou Beiramar”, valorou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que criticou que o único argumento para impoñer esta medida sexa definilas como vías de alto tránsito de coches privados. Apuntou ademais que esta prohibición non se aplica a outras opcións de mobilidade como as bicicletas. “Hai que ir no sentido contrario, non se trata de blindar o espazo urbano para o uso dos automóbiles, senón facilitar con todas as garantías de seguridade o uso doutras modalidades de transporte como as VMP”, engadiu.
Igrexas pediu tamén clarificar algúns puntos da ordenanza municipal para dotala de maior seguridade xurídica e evitar penalizacións non xustificadas sobre as persoas usuarias. Entre eles, chamou a aclarar o porte de elementos. “É comprensíbel que se prohíba cargar con grandes volumes, mais entendemos que hai que permitir, como no caso das bicicletas e das motos, que poidan levar unha mochila ou análogo, sempre que o seu peso ou dimensións non impidan a circulación segura do vehículo”, defendeu o portavoz municipal do Bloque en Vigo.
Desde a fronte nacionalista apuntaron outras dúbidas, recollendo o malestar expresado polas propias persoas usuarias, como as relativas á obrigatoriedade de subscribir un seguro de responsabilidade civil cunha póliza de mínimo medio millón de euros ou a usar chaleco reflectante en todo momento. “Cremos que debe ser unha recomendación xeral e só obrigatorio cando non hai luz diúrna ou cando as condicións de visibilidade non sexan suficientes”, explicou Igrexas. O edil nacionalista pediu tamén clarexar a obriga de que os VMP circulen sempre polo carril dereito, para engadir a posibilidade de desprazarse por outros cando así o esixa a circulación, tal como recollen ordenanzas doutras cidades.