O BNG reafirma en Vigo o seu compromiso cos dereitos do colectivo LGBTI

Publicidad

Encadrado nas actividades do mes de orgullo LGBTI, o Bloque Nacionalista Galego e mais a súa organización xuvenil, Galiza Nova, realizaron onte un acto simbólico na cidade de Vigo para visibilizaren o compromiso da fronte nacionalista cos dereitos do colectivo LGBTI. A acción consistiu no despregamento dunha faixa reivindicativa –co lema “Fagamos do noso orgullo a nosa loita”– na ladeira do monte do Castro, fronte a praza do Concello, e nela participaron Alexandra Fernández, candidata número 3 do BNG pola circunscrición de Pontevedra, Carmela González, candidata número 5, e mais Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do Bloque na cidade olívica.

Alexandra Fernández advertiu de que a crise derivada da pandemia da Covid19 “agravou problemas de desigualdade, especialmente en sectores como o colectivo trans que xa padecía elevadísimas taxas de desemprego e que agora ten serias dificultades para lograr a súa inserción laboral”.

"Cando dicimos que hai que saír desta crise poñendo a vida no centro, falamos tamén do colectivo LGBTI, co compromiso de erradicar as desigualdades que padecen", subliñou Fernández. A candidata explicou que o primeiro compromiso dun “novo goberno galego liderado polo BNG e Ana Pontón” será ter a “man tendida para atender as reivindicacións do colectivo LGBTI”.

De entre as propostas concretas que recolle o programa da fronte nacionalista en materia de diversidade afectivo sexual, Fernández salientou o impulso dunha nova lei galega que garanta os dereitos do colectivo LGBTI “apostando pola sensibilización desde idades temperás, a prevención do acoso nos ámbitos escolar, administrativo e laboral, e na visibilización da diversidade”.

Aliás, a candidata defendeu a necesidade dunha nova lei galega de identidade de xénero “para avanzar na despatoloxización do colectivo transexual, atendendo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde, e con medidas concretas tamén no ámbito sanitario”.

O responsábel comarcal da Asemblea LGTBI de Galiza Nova, Fran Gómez, destacou a coherencia do BNG en defensa da diversidade e na loita contra a desigualdade e a discriminación. “O Bloque é a forza política que sempre estivo ao noso carón, defendendo os dereitos do colectivo LGBTI”.

Maior compromiso do Concello

En chave local, o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, reivindicou un maior compromiso por parte do Concello para colocar a Vigo “na vangarda da liberdade e da diversidade afectivo sexual”, para o que, dixo, “non abonda con pendurar a bandeira do arco da vella na fachada da casa consistorial”.

Igrexas lamentou que malia o moito avanzado e ao carácter aberto e moderno da cidade, cada ano continúan a recibirse varios centos de denuncias de casos de discriminación contra o colectivo LGBTI, segundo datos de diferentes entidades e asociacións. Emporiso, chamou a redobrar esforzos e a dedicar máis medios desde a administración local coa posta en marcha dun Programa municipal de información e atención ao colectivo LGBTI. “Non podemos dar por normalizada a diversidade afectivo sexual, cando sigue a haber casos de discriminación, de acoso escolar ou de mobbing laboral por razón de orientación ou identidade sexual”, advertiu o edil nacionalista. “Hai que actuar, desde a sensibilización, a concienciación social e a visibilización dos diferentes modelos afectivos, sexuais e familiares”, reivindicou. Tamén propuxo un maior apoio ao tecido asociativo que traballa, sen apenas medios, neste ámbito.

O portavoz municipal nacionalista criticou os recortes impostos polo Partido Popular na última década neste ámbito, que perseguiron o obxectivo ideolóxico de laminar a diversidade e volver ocultala. “O único que fixo o PP nestes anos foi botar o feche dos Centros Quérote e dar azos aos discursos reaccionarios da dereita ultraespañolista”, resumiu.

Salir de la versión móvil