O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno de Abel Caballero que deixe de ‘secuestrar’ o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo. Así o defendeu o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, despois de que o Goberno municipal continúe sen dar conta na Xerencia de Urbanismo, celebrada este martes, após unha semana do rexistro por parte da equipa redactora do documento de aprobación provisional e da proposta de ditame das 4 mil alegacións veciñais.
“Que é o que teñen que ocultar? Que é o que non queren que coñezan as viguesas e vigueses?”, cuestionou. Igrexas cualificou a este respecto de “intolerábel” que o Goberno local non dera tampouco resposta á solicitude do BNG para ter acceso á totalidade da documentación, vulnerando “máis unha vez” o Regulamento Orgánico do Pleno.
O portavoz nacionalista reiterou a demanda de comparecencia da equipa redactora do Plan Xeral para explicar o documento de aprobación provisional. “A resposta da concelleira María José Caride volveu ser evasiva, sen indicar ningunha data ou prazo”, reprochou. Do mesmo xeito, Igrexas criticou a negativa “entre dentes” da edil á proposta de convocar o Consello Sectorial de Urbanismo, organismo do que fan axentes do sector, o movemento veciñal e organizacións sindicais.
“Un Plan Xeral que quere definir o modelo de cidade para os vindeiros 15 anos da maior urbe galega non se pode seguir tramitando na clandestinidade, con total opacidade e de costas á veciñanza”, lamentou Igrexas, que insistiu na necesidade que as viguesas e os vigueses poidan participar no deseño do planeamento urbanístico. “As alegacións teñen que ser atendidas, non só por unha cuestión básica de democracia municipal, senón tamén porque a experiencia histórica aprendeunos que Vigo só poderá dispor dun PXOM estábel e sólido a través do consenso”, remachou o portavoz do BNG.