O Bloque Nacionalista Galego presentou este venres en Vigo, na estación de ferrocarril Guixar, a campaña “Queremos tren” e as iniciativas para que o Goberno central implante o servizo de proximidade na área metropolitana de Vigo, así como no resto de áreas urbanas de Galicia. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defendeu o ferrocarril como medio de transporte “eficaz, eficiente e sustentábel” e aposta pola modernización tanto das infraestruturas, das redes como dos servizos ferroviarios no País.
O deputado da organización nacionalista fixo a presentación hoxe en Vigo e anunciou o rexistro de iniciativas específicas reclamando a creación do servizo de proximidade en Vigo e a súa área de influencia. Na presentación tamén participaron o voceiro municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, o voceiro da formación no Concello de Mos, Gustavo Barcia, e a concelleira do BNG en Redondela, Jessica García.
Para o BNG non pode entenderse que, a estas alturas, aínda non estean implantados os servizos de proximidade ferroviaria, reclamación que, denuncian, xa se ten levado en reiteradas ocasións tanto ao Congreso como no Parlamento de Galicia. Néstor Rego lembrou que preguntou directamente á ministra de Transportes sobre a exclusión de Galicia deste tipo de servizos. “Un servizo de proximidade implica traxectos específicos, de curta distancia, con horarios e maiores frecuencias e tamén con prezos específicos”, destaca Rego para denunciar que non é equiparable aos servizos de Media Distancia.
“Estamos asistindo ante un proceso de desmantelamento dos servizos ferroviarios na Galiza, que continúa eliminando servizos, e sen que se recuperaran aínda os horarios e frecuencias de antes da pandemia. Como medio de transporte sustentábel, resulta inexplicábel para cumprir os propios obxectivos marcados polo Goberno para a descarbonización que non se aposte pola mellora do transporte ferroviario” denuncia o deputado do BNG.
A organización nacionalista defende a conexión polo sur co Porriño e Tui e polo norte con Redondela. “Tamén apostamos por unha perspectiva máis ampla a través da conexión con Pontevedra e Vilagarcía. Uns servizos que prestarían con excelente calidade, mesmo aproveitando as infraestruturas existentes na actualidade e que poden pórse en marcha de maneira inmediata” subliña o deputado.
Pola súa banda, o voceiro do BNG no Concello de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, destaca a importancia que ten desenvolver a vertebración do servizo ferroviario na área metropolitana de Vigo. Denuncia a actitude do partido do goberno municipal por non terse sumado á reclamación da posta en marcha do servizo de proximidade ferroviaria. “Xa levamos esta cuestión como emenda aos Orzamentos do Estado para 2021 e 2022 e tivo o voto en contra dos partidos do Goberno. Tamén se rexeitou unha moción que presentamos no Concello de Vigo” lembra Xabier P. Igrexas.