O BNG reclama tramitar “xa” a Lei de Transferencia da AP-9

Publicidad

O BNG vén de denunciar que a tramitación da Proposición de Lei para a Transferencia da AP-9 a Galicia “se está a demorar de maneira inxustificada” desde o pasado mes de febreiro en que foi admitida a trámite polo Pleno do Congreso. Co obxectivo de que poida ser aprobada canto antes, o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, convocará para este mércores os deputados e deputadas electas en Galicia de PSOE, PP e Unidas Podemos para acordar conxuntamente as accións a realizar para ver concluída e aprobada a transferencia da AP-9.

A forza nacionalista lembra que, por iniciativa do BNG, a Proposición de Lei para a Transferencia da AP-9 foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia e trasladada ao Congreso. Despois do bloqueo inicial por parte da Mesa -presidida polo Partido Popular- e do debate no ano 2018 -inconcluso como consecuencia da finalización da lexislatura- voltou ao Congreso no 2 de febreiro de 2021, sendo aprobada a toma en consideración. O día 5 de febreiro o BNG solicitou á Mesa a tramitación polo procedemento de urxencia, o que foi acordado por este órgano o día 9 dese mes.

Con todo, o BNG denuncia que “a Mesa vén prorrogando semanalmente o prazo de presentación de emendas ao articulado desde o día 22 de febreiro até a actualidade”. Para o deputado nacionalista, Néstor Rego, “a tramitación e aprobación desta Lei estase facendo agardar demasiado e entendemos que non hai motivo xustificado para a dilación dunha Proposición de Lei que foi acordada por unanimidade na Cámara galega e admitida a trámite no Congreso por amplísima maioría”.

Rego lembra que PSOE, PP e UP teñen 8 dos 9 membros da Mesa do Congreso e que, por tanto, depende destes partidos que non sexan aprobadas novas prórrogas semanais ao prazo de emendas e que a Proposición de Lei poida ir de forma inmediata a debate na Comisión de Transportes e ser aprobada canto antes polo Pleno do Congreso, mesmo neste período de sesións.

“Cremos que a unanimidade que se produciu no Parlamento da Galiza debe trasladarse tamén ao Congreso para que o conxunto dos deputados e deputadas electos pola Galiza reclamemos a tramitación canto antes desta Proposición de Lei”, sinala Rego.

Salir de la versión móvil