O BNG reclamará no Parlamento a continuidade da fábrica de Pili Carrera en Mos

Tienda de Pili Carrera, todavía abierta esta tarde en Vigo

Publicidad

O anuncio da liquidación de Pili Carrera ameaza con levarse por diante sesenta postos de traballo e o persoal, que non cobrou o soldo do último mes, apenas recibiu información por parte da dirección. A deputada do BNG no Parlamento Galego Alexandra Fernández e o portavoz nacionalista no concello de Mos, Gustavo Barcia, mantiveron un encontro coas traballadoras que están facer garda nas instalacións e ofrecéronse a facer de altofalante das súas reivindicacións ante as distintas administracións. Amosaron tamén a súa solidariedade ante a situación de incerteza que están a vivir neste momento, xa que descoñecen cales son as intencións da empresa e non saben, tan sequera, se van cobrar o que se lles debe.

Para Alexandra Fernández, “no actual contexto de crise que estamos a vivir, sería imperdoable que se perderan eses postos de traballo e a Xunta de Galiza, que ten competencias na materia, é a primeira que debe tomar cartas no asunto”. O BNG vai reclamar a continuidade da fábrica, que conta con persoal cualificado e co equipamento preciso para manter a produción. “Non podemos permitir que peche outra industria no país”, insistiu a deputada, que vai esixir “transparencia absoluta” sobre a relación da empresa coa administración e as axudas públicas que Pili Carrera puidera recibir nos últimos tempos.

Retirada da Medalla

Gustavo Barcia trasladou o apoio do Consello Local do BNG ás demandas do comité de empresa e comprometeuse a defender, na corporación municipal, “os intereses das traballadoras e os traballadores afectados”. O concelleiro lembrou que o BNG votou, no seu momento, en contra da concesión da Medalla do Concello de Mos a Pili Carrera e posteriormente presentou, sen éxito, unha solicitude para que lle fora retirado o recoñecemento. “Xa naquel momento denunciáramos a mala xestión que se estaba a facer da empresa e por desgracia cumpríronse os nosos prognósticos”, indica Barcia. Na súa opinión, “unha persoa que leva un negocio rendible á bancarrota e agora lle dá unha patada aos seus traballadores non merece ningunha medalla ao Mérito Empresarial”.

Salir de la versión móvil