O BNG rexeita en Vigo o modelo “depredador” que a Xunta pretende impoñer no sector eólico

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego realizou esta mañá un reparto informativo no Calvario, en Vigo, dentro da campaña nacional que a fronte nacionalista está a desenvolver en contra do modelo “espoliador e depredador” que a Xunta de Galiza quere impoñer no sector eólico. Na acción participaron o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, e as deputadas no Parlamento galego, Alexandra Fernández e Carmela González, canda outros responsábeis e militancia da fronte nacionalista.

O concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, demandou un “modelo de aproveitamento eólico sustentábel, en chave de País e que socialice os beneficios”. Aliás, anunciou que levarán esta demanda ao Pleno do Concello de Vigo, a través dunha moción que veñen de rexistrar. “Queremos que todos os grupos políticos do Concello se posicionen contra a ameaza de máis depredación ambiental e de espolio colonial que representa o modelo eólico que promove a Xunta do Partido Popular”, explicou.

A iniciativa demandará tamén o alargamento da protección ambiental da Serra do Galiñeiro para evitar que se poidan desenvolver no futuro proxectos de instalación eólica. “O que defendemos o BNG é facer valer a defensa do noso medio natural pero tamén facer fronte a esta dinámica que único que pretende é depredalo para seguir a encher os petos do grande oligopolio privado do sector eléctrico”, sintetizou o portavoz municipal nacionalista.

Outro modelo

Pola súa banda, a deputada, Alexandra Fernández, alertou da ameaza do “boom de proxectos eólicos por todo o País”, tanto para alargar os parques xa existentes como para instalar outros novos, cada vez máis próximos de ámbitos poboados e con importantes afeccións ambientais e repercusións contra outras actividades económicas. “Este modelo que pretende promover o PP xa sabemos que ten graves consecuencias”, advertiu, citando o exemplo do concello de Muras, o que máis aeroxeradores ten en toda Galiza, e que sigue a perder poboación e onde apenas se crearon dous postos de traballo.

Fernández remarcou o espolio que supón este modelo, no que Galiza apenas recibe o 5% do seu retorno económico e concentrando os beneficios en grandes empresas eléctricas e os fondos de investimento estranxeiro que as controlan. “Aproveitan os nosos recursos para deixarnos apenas migallas”, afirmou. Outro dos aspectos máis negativos da ofensiva eólica do PP é a desprotección ambiental, como retrata o feito de que haxa até 35 proxectos de instalación eólica en ámbitos da Rede Natura, polo que o BNG demanda a paralización destes proxectos e alargar o nivel de protección medioambiental.

Fernández reivindicou “outro modelo de aproveitamento eólico” que protexa os valores ambientais e paisaxísticos e que evite o desprazamento doutras actividades xa instaladas no territorio. Tamén reclama a posta en marcha dunha empresa pública galega de enerxía que garanta a xeración de riqueza e de emprego en Galiza.

Salir de la versión móvil