O BNG súmase á petición de dimisión de Porro pola xestión nas residencias DomusVI en Vigo e Cangas

Publicidad

Cabreo en Galicia pola xestión das residencias de maiores de DomusVi en Vigo e Cangas e a residencia de tempo libre de Patos, en Nigrán. A situación levou ao BNG a facer un comunicado conxunto, un comunicado que firman as portavocías municipais da fronte nacionalista nestes tres concellos co cal queren lamentar a actuación realizada pola Consellería de Política Social e da Delegación Territorial da Xunta en Vigo, ás cales acusa de que non “deran resposta ás demandas que tanto familiares, traballadoras das residencias e ao mesmo BNG” trasladaron urxindo unha intervención áxil que corrixise as deficiencias detectadas.

A fronte nacionalista considera “motivada e razoada” a petición formulada pola Federación REDE de pedir a dimisión de Corona Porro que sinalan que “en medio desta situación crítica incorreu nunha obscena utilización propagandística”. O BNG tamén denuncia a falla de información por parte da Xunta de Galicia de como se está a desenvolver a intervención das residencias de Barreiro e Aldán, e de maneira concreta no que se refire ao número de persoal contratado como reforzo dentro da intervención destas residencias, así como a ausencia dun protocolo claro a respeito da derivación hospitalaria dos e das residentes sen que as familias conten con datos completos da situación.

O BNG critica a inacción da Xunta de Galicia ante unha situación na que destacan que “desprotexeu” a un colectivo vulnerable e de alto risco fronte o coronavirus. A fronte nacionalista considera que a decisión de habilitar o traslado das persoas non contaxiadas á residencia de tempo libre de Patos foi moi tardía, e a detección de casos positivos constata a improvisación e a insuficiencia de garantías sanitarias.

O comunicado vai asinado por Xabier Pérez Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo; Mercedes Giráldez, portavoz municipal do BNG de Cangas; e Xavier Rodríguez, portavoz local do BNG de Nigrán.

Salir de la versión móvil