O BNG de Vigo amosou a súa sorpresa pola negativa do grupo socialista a súa proposta para que o Concello poña en marcha un parque municipal de vivenda social na cidade, unha decisión que o concelleiro Xabier Pérez Igrexas cualificou de “incomprensible”. O edil valorou deste xeito o rexeitamento da súa emenda a unha moción promovida polo PSOE en materia de vivenda e que foi debatida no pleno celebrado o pasado mércores. Na iniciativa, o BNG demandaba expresamente que se incluíse como un acordo adicional instar ao Goberno municipal a impulsar a creación do referido parque de vivenda social en cooperación con outras administracións e demandando a cesión do dereito de uso das vivendas desocupadas que son propiedade da Sareb e dos bancos rescatados a cargo de fondos públicos.
Pérez Igrexas defendeu a necesidade de despregar unha política a prol de facilitar o acceso social á vivenda na cidade. “O primeiro dereito de toda cidadá e de todo cidadán é o de habitar. O de ter un teito baixo o que vivir na súa cidade”, reivindicou. Neste sentido, o concelleiro do BNG lembrou que na actualidade son máis 4.700 as viguesas e vigueses que figuran rexistradas como demandantes de vivenda protexida. Ademais, lembrou que os alugueiros teñan aumentado os seus prezos un 7% no último ano atinxindo “prezos privativos”.
Porén, Igrexas considera que a negativa do PSOE “nunha cidade na que con 18.500 pisos baleiros cada semana se seguen a producir desafiuzamentos sen alternativa habitacional” demostra que a súa preocupación pola problemática da vivenda é aparencia. “Pura pose”, reprochou o concelleiro do BNG vigués.