O voceiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou este sábado o “espectáculo absolutamente lamentable” que están a protagonizar PSOE e PP a conta da iluminación ornamental da ponte de Rande. O intercambio de acusacións entre o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, sobre a orixinalidade e autoría da idea “causa arroibo”.
A fronte nacionalista lamenta a “permanente batalla partidista que protagonizan Caballero e Feijóo” e chama a centrar a atención política e os esforzos na transferencia e rescate da AP9. “O que lle dicimos a Concello e Xunta é que o que debería preocuparlles e ocuparlles é forzar o Goberno español a que acabe coa aldraxe, co saqueo e co atraco diario que padecen viguesas e vigueses todos os días cando fan uso da AP9”, demandou Igrexas.
O edil nacionalista lembra que o pasado mes de agosto a ponte de Rande recibiu case 72.000 vehículos por día e que o tramo da autoestrada entre Vigo e Pontevedra duplica o tránsito da conexión entre Coruña e Compostela. “O que nos debera preocupar é que Rande sexa a ponte de acceso a unha autoestrada pública, galega e libre de peaxes, tal e como levamos moitos anos a demandar o BNG”, defendeu fronte ao que definiu como “batallas estériles para ver que ten as luces máis longas”.