O BNG vigués propón que o Pleno rexeite a creación dunha universidade privada en Galicia

Publicidad

O BNG rexistrou este martes unha proposta de Declaración Institucional para que o Pleno do Concello de Vigo rexeite a creación dunha universidade privada en Galicia e en apoio da universidade pública. A iniciativa, que foi presentada diante da Xunta de Voceiros, recolle as posición expresadas polos diferentes sectores da comunidade educativa universitaria, desde os reitores até as organizacións sindicais e estudiantís, e pretende fixar “unha posición de cidade” diante do proxecto promovido por unha entidade bancaria de crear unha universidade privada en Galicia cun dos seus campus en Vigo.

O concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, defendeu que o Pleno “como máximo organismo democrático envíe en nome da cidade unha mensaxe clara en contra deste proxecto privatizador”. No texto da resolución instan ao Goberno galego a atender “o clamor do conxunto da comunidade educativa universitaria” e a non autorizar o proxecto dunha universidade privada advertindo de que incumpriría o previsto na propia Lei galega de Universidades no que se refire á non duplicidade na oferta de estudos xa existentes nas universidades públicas.

Na proposta de declaración, a fronte nacionalista subliñan que o sistema universitario galego ten visto reducido o seu financiamento na última década en 438 millóns de euros como resultado da “política de recortes” aplicada pola Xunta de Galicia do Partido Popular. Neste sentido, demandan un novo plan de financiamento das universidades públicas para mellorar a súa dotación económica, destinando o equivalente ao 1,5% do PIB galego. Desta maneira, explican, melloraríanse “as condicións docentes e o impulso á investigación” e podería materializarse a “necesaria ampliación da oferta educativa pública, hoxe bloqueada pola cláusula de estabilidade, para a adaptar ás necesidades sociais e laborais do noso País”.

Igrexas enfatizou “o ensino público e o seu carácter irrenunciábel como dereito social tamén no nivel universitario”. Desde esa perspectiva defenden tamén que se inste a aumentar substancialmente o sistema de becas e axudas públicas así como a que se eliminen as barreiras para o acceso do conxunto da poboación a estudos universitarios. O portavoz municipal nacionalista fixo un chamamento a todas as forzas políticas da Corporación a se sumar a esta Declaración Institucional cunha alusión directa tanto ao grupo municipal socialista como á Marea de Vigo para garantir a súa aprobación.

Salir de la versión móvil