O BNG urxe abrir o Centro Galego de Fotografía e Cinema. O concelleiro Xabier Pérez Igrexas non só rexeita a idea de que o edificio sexa unha sede da Deputación de Pontevedra, senón que invita ao Goberno municipal de Abel Caballero que o reloxo que vai instalar en Porta do Sol para contar os días que restan ata o acendido do Nadal a que esa conta atrás “conte os días que falten para poñer en marcha, para abrir dunha vez por todas, o Centro Galego de Fotografía e Cinema da rúa Chao”. O edil nacionalista lembrou que ese espazo estivo aberto apenas tres meses e que leva máis de catro anos pechado, despois dun investimento de case dous millóns de euros.
Xabier Pérez Igrexas considera que a situación de total abandono do Cafvi é “un exemplo clamoroso da política de desertización cultural que practica o PSOE”. “A este Goberno municipal nada lle interesa a cultura, só lles interesa a fanfarria que xere titulares e que permita que o alcalde continúa na súa xira polos platós das televisións españolas para maior autobombo”, reprochou.
O BNG de Vigo expresa o seu rexeitamento a que este inmoble no Casco Vello se destine a un uso diferente que para albergar o Centro Galego de Fotografía e Cinema para o que foi deseñado. Unha instalación que “permitiría poñer en valor e permitir o acceso social aos valiosísimos fondos fotográficos dos que conta a cidade e que fican a escuras” e que representaría “un instrumento para dinamizar unha disciplina artística na que Vigo ten moito que facer, e na que a nosa cidade podería estar no mapa internacional”.
Deste xeito, desde a fronte nacionalista descartan que o edificio se poida dedicar para unha oficina administrativa ou sede institucional da Deputación de Pontevedra. “Para que necesita a Deputación unha sede en Vigo? Se o que queren é unha sede máis para o PSOE que a pague o PSOE. Non hai ningunha xustificación, nin ningunha necesidade, como se demostrou durante estes anos nos que a sede do antigo reitorado estivo practicamente inoperante”, afirma Pérez Igrexas.
O edil nacionalista apunta que a posición do BNG sobre as deputacións é clara. “Aportamos pola súa desaparición”. Neste sentido, Pérez Igrexas sinalou que mentres non desapareza este “ente anacrónico e sen función real” a contribución do BNG está a ser a deixar baleira de contidos e competencias estas institucións provinciais para transferir os seus recursos aos concellos “que son os que teñen capacidade para actuar”. “Se hai un ámbito en toda a provincia de Pontevedra onde é evidente que a Deputación non ten ningunha razón de ser é a cidade de Vigo, e por iso non podemos compartir que se queira destinar un edificio deseñado para albergar un grande centro cultural para lle colocar un despacho e unha sala de recepcións á presidenta da Deputación de Pontevedra”, concluíu o edil do BNG na cidade.