Máis dun ano despois de que Israel iniciase a súa ofensiva en Gaza, o conflito corre o risco de esquecerse, de quedar soterrado baixo a actualidade diaria e pasar a ser outra guerra enquistada e ignorada. Para tratar de manter vivo o foco sobre a situación, a plataforma UVigo por Palestina e a Vicerreitoría de Extensión Universitaria organizan a vindeira semana dúas actividades de sensibilización para que a comunidade universitaria coñeza non só as claves do conflito, as súas orixes e as consecuencias que sufre a poboación de Gaza e Cisxordania, senón tamén para que poidan achegarse á cultura e á historia do pobo palestino.
Como explica a vicerreitora Susana Reboreda, estas dúas iniciativas, unha exposición e unha mesa redonda, xorden “porque hai unha certa sensibilidade e preocupación na UVigo por este tema e queremos manifestar a nosa preocupación por este conflito e mobilizar un pouco a Universidade”. Neste sentido pon en valor o traballo que realiza a plataforma UVigo por Palestina, que foi a impulsora da moción de condena das accións bélicas en Gaza que aprobou o Claustro Universitario na sesión celebra o pasado 5 de xullo en Pontevedra.
Testemuñas dende Palestina
O mércores a partir das 18:00 horas, o edificio Redeiras acollerá a xornada Testemuñas dende Palestina, unha iniciativa que xurde como resultado das sinerxías entre a Vicerreitoría de Extensión Universitaria e a súa Área de Equidade e Cooperación e o grupo UVigo por Palestina co obxecto de amosar a solidariedade coa causa palestina e en liña cos punto 8 e 9 do manifesto aprobado polo Claustro, como lembra Henar Quintas, responsable desta área. Ademais, a actividade é parte do programa de actividades da organizadas ao abeiro do convenio da RGCUD (Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento) e conta con financiamento da Cooperación Galega.
O acto, que será inaugurado polo reitor, Manuel Reigosa, pretende expresar a solidariedade coa causa palestina dende unha óptica multidisciplinar, coñecendo o seu contexto socio político e afondando nas causas do conflito. Ademais, engade Quintas, “queremos tamén achegarnos a Palestina dende outra óptica, coñecendo a súa sociedade, a súa cultura, a súa lingua e a súa literatura. Para isto, na mesa redonda participará Susana Fernández, de Movemento pola paz e o Desarme, unha ONGD que ten en marcha varios proxectos en Palestina. A cooperante explicará o traballo que esta asociación realiza sobre o terreo e tamén porá en valor os esforzos das súas contrapartes en Palestina, principalmente entidades de cooperación de mulleres. Susana Fernández abordará o conflito dende a óptica de hai un ano pero tamén contará todo o que foi mudando neste tempo e exporá como está agora a situación na zona.
Outro dos convidados será Moncho Iglesias, escritor e tradutor formado na Universidade de Vigo, que foi mestre de castelán en Belén, a onde non volveu dende 2013. Ten publicado poemarios sobre Palestina e traduciu ao galego a obra Nacerán as Oliveiras e na súa intervención afondará sobre o escenario lingüístico en Palestina. Ademais, a mesa redonda contará tamén coa participación de Sami Ashour, gazatí residente en Galicia e presidente da Asociación Galaico Árabe Jenin, que achegará a súa testemuña da súa vida entre Gaza e Galicia. O debate será conducido pola profesora Iria Vázquez Silva, do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía, que traballa no eido da socioloxía das migracións e da socioloxía do traballo e de xénero.
A xornada complétase coa actuación musical de Najla Shami, cantante e compositora galega, filla de tres culturas: palestina, galega e arxentina, que creceu entre Galiza e Kuwait. O acceso ás actividades é libre pero por causas organizativas é preciso inscribirse neste enlace.
A mostra Contar Palestina, a partir do luns en Filoloxía e Tradución
Ademais desta mesa redonda, a Biblioteca Universitaria, en colaboración coa Vicerreitoría de Extensión Universitaria e o grupo UVigo por Palestina, organiza a exposición Contar Palestina: voces palestinas e solidarias. A exposición recolle unha serie de obras dos fondos propios da Universidade relacionadas con Palestina, tanto libros como material audiovisual, a través dos que se pretende que “a comunidade universitaria coñeza algo máis sobre a situación do pobo palestino e non esqueza o xenocidio que está a sufrir dende hai 76 anos”, como destacan dende UVigo por Palestina.
A inauguración terá lugar o vindeiro luns día 11 de novembro ás 13:00 horas na Biblioteca da Facultade de Filoloxía e Tradución onde permanecerá ata o día 26 de novembro. Posteriormente será trasladada ao campus de Pontevedra.