O candidato do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, presenta "con ideas e sen egos políticos" a súa candidatura

Publicidad

O candidato á Alcaldía de Vigo por parte do BNG, Xabier Pérez Igrexas, recibiu este xoves o apoio da portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, quen salientou o seu traballo “valente e rigoroso con propostas en positivo”. “Así é como entende a política o BNG, mentres outros se perden nun enfrontamento inútil, nun pim-pam-pum con Vigo tan absurdo como estéril, que está facendo perder moitas oportunidades á primeira urbe de Galiza”, incidiu.

Na súa intervención, Pérez Igrexas chamou a “resetear a cidade” despois de anos de “inercia paralizante dun goberno municipal absolutamente incapaz”. “Fronte a quen só pode ofrecer máis do mesmo, dende o BNG imos levar Vigo máis alá”, afirmou. Igrexas propón un “proxecto de cidade en positivo coas persoas no centro” para levar Vigo “máis alá do parque temático, das luces, do dinoseto, dos titulares, das promesas incumpridas e das actuacións virais en platós televisivos; da frivolidade, da xordeira autoritaria e da falla de xestión”.

O candidato sintetizou as liñas estratéxicas que van definir a proposta do BNG para as eleccións municipais, que pasan por avanzar cara a unha “cidade de iguais”, con políticas feministas e facendo do Concello un “parapeto social contra a crise”, con máis servizos públicos e facilitando o acceso social á vivenda nunha cidade na que, apuntou, “temos 18.500 casas sen xente e moita xente sen casa”.

Pérez Igrexas apostou por que Vigo volva ser “o pulmón industrial de Galiza” e converter a cidade na “capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións”, poñendo en marcha tamén políticas que faciliten a creación de emprego e dean oportunidades á mocidade para que deixe de ser “expulsada á emigración”.

Igrexas asegurou que o BNG enfronta os comicios con optimismo e ambición, “aspirando a todo, sen límites nin teitos, coa confianza de termos as ideas, a capacidade, a experiencia e un proxecto que vai lograr incorporar a moitos millares de viguesas e vigueses para facermos realidade, entre todas e todos, o Vigo que soñamos”. “Só un BNG determinante no Concello pode levar Vigo máis alá”, proclamou, nun acto que abriu a responsable local, Carmela González, quen destacou a elección por unanimidade do candidato.

Pontón recalcou que “Vigo merece moito máis que ser o campo de batalla dos egos políticos de ninguén” porque esta cidade “ten que ser o motor principal de Galiza, recuperar o papel de vangarda industrial e empresarial, volver ser o referente que sempre foi no sector naval, na automoción ou na pesca e tamén aquel referente cultural que colocou á cidade entre as máis creativas do Estado español e de Europa”.

A líder nacionalista salientou a “aposta decidida” do Bloque para que Vigo lidere, desde a cooperación, a área metropolitana e xogue un papel fundamental no avance da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Neste sentido, defendeu a conexión ferroviaria por alta velocidade con Porto “fronte a quen mira para outro lado ante o desleixo que o Goberno central mostra con esta infraestrutura ou fronte a quen a usa como arma arreboladiza”.

 

Salir de la versión móvil