Avance aínda que moi tímido para recuperar os edificios en ruínas no conxunto histórico de Tui. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de licitar o contrato para a redacción do proxecto, e dirección de obra, para a rehabilitación dun edificio situado no número 20 da rúa Obispo Castañón, no Concello de Tui, co fin de destinalo a vivenda de protección pública.
Este inmoble do casco histórico fora adquirido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo a través da oferta pública de adquisición de inmobles do programa Rexurbe, por un importe de 195.005 euros, co fin de rehabilitalo e habilitar vivendas públicas e úbicase nunha parcela de 385 m2. Agora, a Xunta vén de aprobar a licitación do contrato de 58.000 euros para poder iniciara súa recuperación.
Segundo o contrato público, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de tres meses para redactar o proxecto de obra, que será o documento que a Xunta empregue para executar os traballos que permitan a recuperación do inmoble e no que se definirán as características e distribución do mesmo.
Tui tamén conta cunha área de rehabilitación integral (ARI), e na convocatoria do ano 2020 se lle consignou unha partida de 48.400 euros, para promover actuacións de rehabilitación entre os veciños do casco histórico. Ademais, o municipio miñoto tamén solicitou a declaración dunha Área Rexurbe, unha figura creada na Lei de rehabilitación de Galicia, que vai un paso máis alá das tradicionais áreas de rehabilitación integral; xa que ademais da rehabilitación edificatoria inclúe medidas de dinamización social, demográfica e económica.