O chef Ferran Adrià anima o alumnado da UVigo a innovar e imaxinar un mundo sen límites

Publicidad

Buscar os límites para traspasalos; innovar para transformar. Sobre estas ideas sustentou a súa intervención o cociñeiro Ferran Adrià na súa visita este luns ao campus de Vigo no marco da celebración do centenario de Telefónica. O chef ofreceu un relatorio na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ante un auditorio con arredor de 400 estudantes, docentes e tamén público en xeral.

Nel fixo un percorrido pola súa carreira, polo fitos máis destacados ao longo dos anos que o levaron a converterse nun dos mellores cociñeiros do mundo, a estar presente nas listas das 100 persoas máis influentes do mundo ou a ser portada de Time en 2004. Adrià relatou como compaxinou o seu traballo no restaurante elBulli co asesoramento a empresas líderes como Nestlè, Borges, Kaiku, Pepsico ou Damm e como a innovación foi sempre o eixe central da súa carreira. Embaixador de Telefónica dende 2010, tamén explicou os motivos que o levaron a pechar o seu restaurante en 2011 e apostar no seu lugar por elBullifoundation.

Unha xira polas universidades

O evento deste luns enmárcase dentro das actividades que Telefónica deseñou para conmemorar o seu centenario, e que está a levar o chef por nove universidades españolas que contan cunha cátedra conxunta coa empresa de telecomunicacións. Precisamente, na presentación do evento o reitor da Universidade, Manuel Reigosa, deu as grazas a Telefónica polo financiamento da cátedra, “que creo que está a dar moi bos resultados”, e tamén ao director, o profesor José Cidrás, “polos seus esforzos para facer cousas diferentes, cousas que poidan engadirse á formación tan boa que se imparte nas nosas escolas e facultades e á I+D que se fai nos nosos laboratorios”.

Á súa vez, Manuel Alonso, director territorial de Telefónica, deu as grazas á UVigo pola acollida e lembrou que Telefónica cumpriu precisamente os 100 anos este pasado venres, xa que comezou a súa historia o 19 de abril de 1924. Unha historia que segundo Alonso, non tería sido a mesma de non ser pola innovación, “é un dos atributos que mellor reflectiron a actitude da compañía ao longo do tempo”. O responsable territorial tamén puxo en valor que Adrià, como un dos grandes expoñentes da innovación, é embaixador da compañía dende 2010.

En representación da Xunta de Galicia, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díaz de Castro, pola súa banda quixo poñer en valor o sistemas de cátedras que conectan os campus co tecido socio-económico, porque son “unha forma de extensión universitaria que lle dá ás universidades relevancia e presenza na sociedade civil”.

Innovación e entusiasmo

Durante a súa intervención, Adrià falou de innovación, pero tamén de paixón, de emprendemento, de esforzo, de pensamentos disruptivos e de xenerosidade. O chef, cinco veces doutor honoris causa por diferentes universidades e promotor de multitude de challenges relacionados coa innovación nas universidades e escolas de negocio máis recoñecidas do mundo como Harvard, MediaLab do MIT, London Business, Columbia, fixo fincapé na importancia do inconformismo, de buscar límites e de retar o establecido, “porque a única maneira de crecer é transformarse para ser mellores”. Neste sentido, nun dos vídeos que proxecto, tamén recalcaba que “innovar non é unha opción, é a nosa forma de ver o mundo. Inconformismo é abrir camiños que ninguén se atreveu a pisar”.

Ademais, no seu relatorio compartiu co público a súa metodoloxía 'Sapiens', unha técnica centrada en conectar diversas respostas para comprender mellor e fomentar a innovación, captar a atención e impulsar a importancia da I+D no eido académico. “Cando conectas todas as posibles respostas, podes comezar a comprender. Se comprendes, innovarás mellor e poderás actuar con éxito˝, recalcaba.

Esta foi a segunda visita de Adrià á Universidade de Vigo, onde xa estivo no ano 2010, como convidado e padriño dun acto de recoñecemento ás empresas organizado polo Consello Social.

Coñecer as preguntas para imaxinar as respostas

Despois do relatorio, e xa nun evento destinado unicamente a estudantes universitarios, o chef presentou Challenge elBulli1846, un reto de innovación que ten como finalidade o estímulo, difusión e coñecemento da matodoloxía Sapiens na en traballos fin de grao, fin de máster ou calquera proxecto enmarcada nunha materia dentro de estudos oficiais. Esta metodoloxía consiste nun conxunto de directrices aplicables a calquera proxecto que se basea en comprender o contexto e a materia de traballo en si mesma para, posteriormente, darlle unha finalidade, como crear un produto ou servizo, comunicar ou xestionar.

No reto poden participar os estudantes das universidades que forman parte da Rede de Cátedras Telefónica e, neste sentido, Adrià lembroulles aos presentes que van participar representando a Universidade de Vigo, non tanto a nivel persoal, e que loitarán por facer que a súa sexa a universidade gañadora na final.

Para inscribirse o alumnado debe presentar un índice narrado do seu proxecto, é dicir, un plantexamento inicial de traballo empregando a metodoloxía Sapiens. No caso do alumnado da UVigo, o prazo de entrega do documento remata o 17 de xuño. En cada unha das sedes seleccionaranse dous gañadores, que recibirán como premio unha estadía de dous días con acompañante en Cala Montjoi cun programa exclusivo de actividades xunto con Adrià e o equipo de elBulliFoundation. Para a selección dos gañadores, o xurado terá en conta a orixinalidade, o grao de elaboración e madurez do proxecto e o impacto potencial da proposta. Os gañadores da sede viguesa coñeceranse en xaneiro de 2025.

Salir de la versión móvil