O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), a través da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), forma parte desde 2018 do Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños (European Marine Biological Resource Centre-EMBRC), unha rede de infraestruturas de investigación pan-europea que ten como obxectivo poñer a disposición da comunidade científica internacional e das entidades da economía azul o acceso aos recursos biolóxicos e ecosistemas mariños de Europa. Co respaldo do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, o centro vigués acaba de renovar o seu compromiso con esta infraestrutura por cinco anos, o que lle permitirá continuar reforzando a súa estratexia de internacionalización.
Formar parte desta rede supón mellorar as oportunidades de colaboración nacional e internacional do CIM, impulsando o labor investigador na área de ciencias mariñas mediante a colaboración con especialistas internacionais. Concretamente, a participación no EMBRC permitiu ao centro vigués implicarse en 11 proxectos europeos, que lle reportaron 1,7 millóns de euros en financiamento competitivo, e tamén supuxo a oportunidade de establecer colaboracións de investigación internacionais, así como a mellora das instalacións e prestación de servizos da Ecimat. A isto engádese a recepción duns 50 investigadores e investigadoras visitantes de países como Italia, Reino Unido, Ucraína e Portugal, entre outros.
“O balance é moi positivo facilitando a consecución de proxectos e a interacción con numerosos investigadores e investigadoras de diferentes países, ademais de destacar tamén que é o único ERIC (European Research Infraestructure Consortium) no que participa a Universidade de Vigo”, explica o director do CIM, Daniel Rey. “Nesta nova etapa queremos que os nosos investigadores continúen a súa participación na rede para ampliar a colaboración e participación en proxectos internacionais, impulsando o CIM como referente europeo en investigación mariña”, engade.
Unha rede europea para fomentar as biotecnoloxías azuis
O European Marine Biological Resource Centre (EMBRC-ERIC) é unha infraestrutura de investigación pan-europea que busca ser o principal provedor europeo de recursos biolóxicos, acceso aos ecosistemas mariños, datos, series temporais e servizos asociados para investigación no medio mariño. EMBRC foi incluído no Mapa de Ruta Europeo de Infraestruturas de Investigación do ESFRI en 2008. Tres anos despois, as e os promotores do proxecto poñían en marcha o seu primeiro proxecto e en 2014 subscribíase un memorando de entendemento para iniciar o proceso de formalización legal da infraestrutura. En 2017 pasou a formar parte do Consorcio Europeo de Infraestruturas de Investigación (ERIC) ao ser considerada unha infraestrutura de referencia, reflectindo o seu papel fundamental e único na I+D+i europea no medio mariño. Dende os seus comezos, España tivo un papel fundamental na organización e no establecemento do funcionamento de EMBRC, constituíndose oficialmente o nodo español en 2017, que na actualidade está formado pola Ecimat, a Estación Mariña de Plentzia da Universidad del País Vasco e o Banco Español de Algas da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria.
O obxectivo do EMBRC–ERIC é impulsar o desenvolvemento das denominadas biotecnoloxías azuis, promovendo tanto a investigación básica como a aplicada dedicadas á procura de solucións sostibles nos sectores da alimentación, a saúde e o medio ambiente, proporcionando acceso a información e recursos de todos os mares de Europa, de xeito que calquera científica ou científico ou empresa teña á súa disposición os recursos precisos para o seu labor investigador. Na actualidade dá acceso a servizos e plataformas tecnolóxicas en 70 estacións mariñas e institutos distribuídos en nove países europeos en apoio dunha investigación sólida, rendible e eficiente.