O CIM participa nun proxecto para garantir a sostibilidade de zonas costeiras

Publicidad

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) está a participar, da man da investigadora Elena Ojea, nun proxecto Interreg Espazo Mediterráneo que ten por obxectivo aumentar a resiliencia, o bo estado medioambiental e o uso sostible dos recursos mariños das Áreas Mariñas Protexidas (AMPs) deste ámbito xeográfico. Trátase do proxecto MPA4Change, coordinado polo Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e no que, ademais do CIM da UVigo, participan outras nove entidades beneficiarias e 17 asociadas procedentes de 12 países: desde Suecia, Reino Unido e Alemaña ata Tunisia, Marrocos, Malta ou Croacia, toda unha rede internacional traballando de maneira conxunta a prol do medio ambiente. A iniciativa conta cun orzamento de preto dun millón de euros, dos que arredor de 90.000 lle corresponde ao CIM.

Os ecosistemas mariños mediterráneos e os medios de vida humanos que dependen deles estanse vendo afectados polo aumento da temperatura da auga, das vagas de calor, da subida do nivel do mar e da acidificación e desosixenación do mesmo. Ademais, os efectos da sobre-pesca, a perda de hábitats ou a contaminación, tamén están a remodelar a estrutura e o funcionamento dos hábitats mariños cuxa perda de biodiversidade repercute nos servizos que dependen da calidade dos mesmos, como a pesca ou a protección costeira. Neste contexto, MPA4Change pretende crear un plan de acción para que as AMPs do Mediterráneo aseguren a súa sostibilidade a longo prazo ademais de transferir a aprendizaxe ao longo dos anteriores proxectos con AMPs no Mediterráneo ao Atlántico, de aí que estea involucrado o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

O fin último é aumentar a capacidade de adaptación ao cambio climático mediante a mellora da eficacia das AMPs e a súa restauración, mellorar a coordinación e a cooperación das partes interesadas e reforzar a sensibilización e a cultura ambiental ante o cambio climático.

Plans específicos

O proxecto buscará, por unha banda, mellorar a capacidade das AMPs para adaptarse ao cambio climático e, da outra, apoiar o diálogo político, así como contribuír á implementación do plan de acción a través da creación dun grupo de especialistas que guiará o proceso máis aló da duración do mesmo. A investigadora do CIM Elena Ojea comenta ao este respecto que “para iso deseñamos un proxecto de transferencia e capacitación no que axudamos ás AMPs a adaptarse ao cambio climático achegando ferramentas, creando un grupo de expertos para guiar o proceso e fomentamos un diálogo político no ámbito mediterráneo e europeo”.

Ojea recoñece que “estamos involucrados na maioría das tarefas que se realizan no marco do proxecto e, en concreto, encargarémonos de coordinar a posta a punto e a transferencia  dos kits de ferramentas xa consolidadas e que foron desenvoltas en anteriores proxectos do Interreg- Euro-Med (MPA-Adapt e MPA-Engage) e que foron probadas en distintas áreas protexidas do Mediterráneo”. Ademáis, desde Vigo lidérase tamén a tarefa da avaliación da pegada de carbono e as accións de mitigación para contribuír a unha sociedade climaticamente neutra. 

Durante estes primeiros meses de traballo  -arrancaron en xaneiro-, o equipo do CIM estivo actualizando e mellorando a ferramenta web que se desenvolveu no proxecto MPA-Engage para que as persoas xestoras das AMPs puidesen levar a cabo o estudo da vulnerabilidade climática das súas áreas. Desta forma, poden deseñar plans específicos de adaptación e mitigación fronte aos efectos do cambio climático que se observan nos seus respectivos territorios. Ademais, tiveron tamén a oportunidade de colaborar en distintas accións de difusión e transferencia dirixidas ás partes interesadas en todo o Mediterráneo grazas a un mapeo dos principais actores, así como de potenciais usuarios finais para a transferencia.

Salir de la versión móvil