O Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO) incorporará o vindeiro mes de setembro á investigadora neozelandesa Kylie Chen, actualmente vinculada á University of Auckland, grazas á obtención dunha prestixiosa axuda Marie Skłodowska-Curie Postdoctoral Fellowship (MSCA-PF). A axuda, dotada con 194.074 euros, forma parte dun programa europeo altamente competitivo que financia contratos de persoal investigador posdoutoral de excelencia co obxectivo de favorecer a adquisición de novas competencias e impulsar o desenvolvemento da carreira investigadora.
Kylie Chen incorporarase ao grupo de Filoxenómica, liderado polo catedrático David Posada, onde desenvolverá un proxecto centrado no deseño de modelos probabilísticos e computacionais bayesianos para analizar a evolución da expresión xénica en liñaxes celulares a partir de datos de célula única. O seu traballo permitirá comprender mellor como os tumores se adaptan e desenvolven resistencia aos tratamentos, mediante o estudo da variación xenética e fenotípica entre distintos clones celulares, dando lugar a unha ferramenta computacional avanzada aplicable ao estudo de múltiples tipos de cancro.
Consolidación dunha colaboración científica que vén de lonxe
Chen destaca que a súa incorporación ao CINBIO supón para ela dar un paso natural nunha colaboración científica xa consolidada. “Levo colaborando co laboratorio de David Posada desde Nova Zelandia dende o meu doutoramento e sempre quixen traballar máis estreitamente con el”. Nesta liña, a investigadora subliña tamén o valor da experiencia MSCA como oportunidade vital e profesional, que lle permitirá “vivir unha nova cultura, desenvolver as miñas capacidades nun equipo multidisciplinar positivo e compartir coñecemento”, definindo esta etapa como “abrir unha nova porta” na súa carreira investigadora.
Para David Posada, a concesión desta bolsa supón “un éxito para o grupo e para o centro, ao permitir ampliar as capacidades do equipo con perfís altamente especializados”. Nesta liña, desde a dirección do CINBIO destacan que coa obtención desta MSCA Postdoctoral Fellowships, refórzase a posición deste centro como referencia en investigación biomédica, consolidando a súa capacidade para atraer talento excelente e xerar coñecemento de impacto internacional desde Galicia.
