O Cinbio volverá “falar de ciencia en igualdade”

Publicidad

Co obxectivo de introducir a perspectiva de xénero na comunicación e na divulgación científica, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, Cinbio, organiza un ano máis a xornada Falemos de ciencia en igualdade. O evento, que terá lugar en modalidade presencial o venres 26 de maio nas instalacións do propio centro, pretende, como explica a subdirectora do Cinbio, Diana Valverde, “destacar as bondades da comunicación e da divulgación científica, facendo un especial fincapé no uso da perspectiva de xénero e na importancia de visibilizar a muller, fomentando unha comunicación máis inclusiva”. A catedrática engade que se trata “dunha formación transversal para deseñar estratexias de comunicación e divulgación das investigacións que teñan en conta a dimensión sexo-xénero, tal e como recomendan os obxectivos de igualdade recollidos no programa Horizon Europe”.

Esta terceira edición, que dará comezo ás 09:00 horas, arrancará coa conferencia Sesgo de xénero en divulgación científica, impartida pola responsable da Unidade para o Avance da Comunicación Científica da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), Cintia Refojo, na que tratará de rachar coas limitacións que atopan as mulleres na súa carreira investigadora. Tras ela, Teresa Piñeiro, docente e investigadora da Área de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade da Coruña, será quen tome a palabra coa súa charla Por que tan poucas? Visibilizando mulleres ao mando, unha reflexión sobre a importancia da creación de equipos e espazos liderados por mulleres. A continuación, Maider Eizmendi, profesora do Departamento de Xornalismo da Universidad del País Vasco (UPV/EHU), impartirá o último relatorio da mañá baixo o título Impulsando o contido das científicas: ciencia, divulgación e xénero.

Tras unha breve pausa, que permitirá ás persoas asistentes compartir as súas experiencias e seguir adquirindo novos coñecementos sobre a materia, unha mesa redonda sobre a situación da muller na ciencia porá o broche final a esta acción formativa organizada polo Cinbio desde hai tres anos.

Inscrición previa

A xornada desenvólvese no marco das axudas promovidas pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios na institución académica. As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente a través do formulario que xa está dispoñible na páxina web do Cinbio, sendo unha acción formativa aberta ao público xeral, e de especial interese tanto para o persoal investigador do Cinbio como para membros da comunidade universitaria da Universidade de Vigo, que poderán validala para o recoñecemento de créditos ECTS.

Salir de la versión móvil