O concelleiro vigués López Font, investigado por suspender os descansos dos bombeiros

Un bombero se quema en Vigo antes de la toma de posesión de Abel Caballero / CIG

Publicidad

O Xulgado de Instrución número 5 de Vigo vén de abrir dilixencias penais contra o exconcelleiro e actual voceiro do Goberno municipal, Carlos López Font, e o xefe de Seguridade Cidadá e Mobilidade,  A.V.M, como responsables do decreto municipal que obrigaba eos bombeiros do Concello a traballar en días de descanso e que foi anulado por unha sentenza xudicial. A denuncia fora presentada en agosto do ano pasado por delegados da CIG no servizo por presuntos "delitos contra a saúde e os dereitos dos traballadores e traballadoras e prevaricación administrativa".

En consecuencia, Carlos López Font e A.V.M. terán que comparecer este venres en sede xudicial como investigados no marco das dilixencias abertas polo Xulgado de Instrución número 5 de Vigo, unha vez que o decreto fora anulado polo contencioso administrativo, decisión que foi ratificada polo TSXG tras o recurso presentado polo Concello.

A pesar da anulación do decreto, os representantes sindicais da CIG entendían que a decisión dos cargos municipais podía supoñer responsabilidades penais “xa que nos obrigaba a traballar por decreto os días de descanso, cando realizamos unha actividade moi perigosa na que os descansos entre servizos son moi importantes”.

A CIG sinala que este decreto provocou que o persoal tivese incluso que dobrar quendas (traballando 48 horas seguidas) e chegase a realizar nalgúns casos "máis de 600 horas máis de servizo nos arredor de dous anos que estivo vixente". “Porque o Concello seguiuno aplicando despois da primeira sentenza que o anulou, e incluso tras ser ratificada a anulación polo TSXG, polo que tivemos que instar á execución da sentenza para conseguir que se retirase”.

A central sindical destaca que fronte a este decreto “escravista” mantiveron unha folga indefinida durante case dous anos, ao tempo que levaron a cabo numerosas mobilizacións e iniciaron unha ofensiva xudicial contra o Concello. “O máis escandaloso é que en ningún momento se sentaron a negociar o decreto, nin antes nin despois das sentenzas, e seguíano aplicando para gañar tempo ante a evidente falta de persoal existente no servizo, como tampouco negociaron nunca os servizos mínimos da folga, que tamén tiveron que ser anulados polos tribunais”.

Salir de la versión móvil