O Concello de Ponteareas reabre o tráfico nunha rúa peonil ante a protesta da oposición

Publicidad

O Concello de Ponteareas vén de reabrir ao tráfico a rúa Vidales Tomé, pola que dende a tarde deste pasado xoves pode circularse en sentido único cara á rúa Morales Hidalgo. A rúa ten a velocidade limitada a un máximo de 10 km/h e o Concello prega a todas e todos os condutores que circulen pola zona que "extremen as precaucións e respecten as normas", xa que se trata dunha rúa situada nun espazo peonil transitado pola veciñanza. O tráfico pecharase os festivos e as fins de semana dende o sábado ás 07:00 horas ata o domingo ás 23:59 horas.

A rúa Vidales Tomé conta cunha parada de taxis situada diante do Centro Artístico Sportivo, con dúas prazas de mobilidade reducida ao seu carón. Por outra banda, ao outro lado da Praza de Bugallal, na rúa Morales Hidalgo, habilitaranse outras tres prazas de mobilidade reducida así como sete prazas de parada limitada a 15 minutos co obxectivo de permitir ás e aos ponteareáns realizar xestións e recados nas inmediacións de xeito cómodo e sen causar conxestión na zona.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, resaltou a importancia desta medida para a vida da vila, xa que “mellora significativamente a mobilidade de Ponteareas. Esta rúa é unha arteria fundamental e un enlace esencial do núcleo urbano ponteareán, polo que a súa reapertura facilitará a vida cotiá dos nosos veciños e veciñas”.

É importante salientar que o tráfico rodado continuará pechado nas demais rúas da contorna, agás para vehículos autorizados (residentes, persoas con mobilidade reducida, emerxencias, carga/descarga e taxis), así como nas rúas Oriente, Esperanza ou no lateral da Praza de Bugallal en dirección a Amado Garra.

Protestas de PSOE e BNG

Ante a apertura ao tráfico da rúa, o PSOE de Ponteareas avaliou esta medida como un "retroceso con consecuencias nocivas para o municipio" xa que "incrementará o ruído, a contaminación e expulsan aos veciños dos espazos públicos recuperados durante 8 anos", sinalan os socialistas.

Do mesmo xeito, consideran que a decisión "é un atentado contra o patrimonio da vila" despoís de que a Praza Bugallal fora premiada polo Colexio de Arquitectos de Galicia. Os socialistas indican que levarán a medida ao pleno municipal onde "reclamarán que se volva ao modelo planificado e ordenado por técnicos reputados e con experiencia".

Pola súa banda, o BNG de Ponteareas organizou unha manifestación "pola defensa da peonalización" que comenzará ás 20:30 horas deste venres na Praza Bugallal. "Agora o PP de Nava Castro pretende actuar sen criterio coa única intención de destruír o traballo realizado", denuncian dende a formación nacionalista.

Salir de la versión móvil