O Concello de Salceda homenaxeará o traballo de Protección Civil no Estourazo

A agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Salceda é o colectivo escollido este ano para dar o pistoletazo de saída ás festas do Cristo de Salceda, que este ano vive unha edición especial marcada pola pandemia do coronavirus. A cita será o sábado 18 de xullo ás 22:00 horas no balcón da Casa da Cultura Castelao, onde os voluntarios e voluntarias de Protección Civil serán os encargados de disparar o xa tradicional “Estourazo”, que este ano chega á súa decimoprimeira edición. “A homenaxe deste ano era obrigada para o grupo de Protección Civil, queremos agradecelo co convencemento de que a veciñanza se unirá a esta máis que merecida homenaxe”, explica a rexedora local, Loli Castiñeira.

A agrupación de voluntarios de Protección Civil foi elixida polo Equipo de Goberno en recoñecemento o seu traballo desinteresado ao longo de tantos anos en eventos e emerxencias de Salceda e arredores, pero sobre todo polo "inmenso traballo que a agrupación realizou durante o estado de alarma", fundamentalmente no momento do confinamento máis estrito, con "innumerables horas dedicadas ao servizo público durante todo o ano, pero especialmente nestes momentos".

Protección Civil realizou, entre outras, tarefas de apoio ás persoas máis vulnerables ou tarefas de limpeza e desinfección de espazos e mobiliario público. Ademais aproveitaban as súas saídas para dar mensaxes de ánimo á poboación e facer máis amena a estancia nas casas, con multitude de solicitudes da veciñanza para que felicitasen aos nenos e nenas que cumpriron anos durante o confinamento.

Compra de medicinas para as persoas de risco, compra de alimentos ou entrega de deberes e material escolar son só algúns dos exemplos das tarefas realizadas polo colectivo nestes últimos meses, aos que hai que engadirlles as accións que seguen realizando durante todo o ano, como retirada de árbores caídas, asistencia en accidentes, apoio en eventos, etc.

O Estourazo, que este ano celebra a súa decimoprimeira edición, serve cada ano para marcar o inicio das Festas do Cristo. A cita recoñece a traxectoria de asociacións e colectivos de Salceda que teñan destacado no ano en curso, e por ela xa levan pasado asociacións e colectivos culturais, deportivos, sociais, sanitarios, etc., e aínda que este sexa un ano especial no que non se celebrarán as tradicionais verbenas na Praza do Concello, si que se manterá parte da actividade cultural das festas, como o mencionado Estourazo, que de novo estará acompañado, como vén sendo tradición, pola Agrupación Gaiteira de Salceda.

Salir de la versión móvil