O Consorcio do Casco Vello de Vigo expropiará e renovará cinco novos edificios

Publicidad

O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo deu conta hoxe do avance no traballo conxunto que están a desenvolver Xunta e Concello para axilizar a rehabilitación integral no barrio histórico. Neste senso, o presidente do ente e delegado territorial, Ignacio López-Chaves, puxo en valor o acordo alcanzado coa Administración local que, en maio do 2017, comprometeuse a recorrer a vía da expropiación no caso daquelas edificacións que, por distintos motivos, non poden ser adquiridas polo procedemento habitual.

Lopez-Chaves matizou que esta alternativa é unicamente aplicable nos inmobles que se atopan no marco do Plan de Actuación do Consorcio Casco Vello de Vigo e que abranguen a zona alta. Segundo cifrou, “estaríamos a falar concretamente de cinco edificacións”, as correspondentes a Ferrería 1, Abeleira Menéndez 14, San Sebastián 20 e Subida ao Castelo 9 e 11.

En canto aos motivos de que estes inmobles non fosen aínda adquiridos, o presidente do CCVV aludiu a problemas legais na maioría dos casos, concretamente indicou “defectos nos títulos de propiedade que complican a compra por parte do ente rehabilitador”. En todo caso, o presidente do consorcio, participado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo, confiou en que a vía da expropiación supoña o “impulso definitivo” para a esperada rehabilitación integral do barrio histórico.

Por outra banda, o comité executivo deu luz verde á aprobación e licitación do proxecto de Cruz Verde 12, a terceira actuación do Consorcio Casco Vello de Vigo. A rehabilitación deste inmoble, segundo sinalou López-Chaves, sumará dúas novas vivendas e un local ao barrio cun presuposto de licitación de preto de 350.000 euros.

104 vivendas rehabilitadas

Ao longo dos seus doce anos de actividade o CCVV adquiriu 14 inmobles na rúa Ferrería o que lle permitiu acometer sete proxectos de rehabilitación que derivaron na construción de 21 novas vivendas, todas elas –excepto Ferrería 8- ocupadas ou na fase final da súa adxudicación.

No conxunto do barrio, o Consorcio Casco Vello de Vigo leva adquiridos 76 inmobles, dos que 58 xa foron rehabilitados e catro están en execución (Berbés 41, Ferrería 8, Cruz Verde 12 e Cruz Verde 8). Rehabilitáronse 104 vivendas, das que 89 foron vendidas e 10 están ocupadas en réxime de alugueiro. Tamén se rehabilitaron 32 locais comerciais, dos que se venderon 6 e 12 están ocupados en réxime de alugueiro, estando os 14 restantes en fase de concurso.

Salir de la versión móvil