O conxunto de San Martiño de Barcia de Mera, en Covelo, declarado Ben de Interese Cultural

Publicidad

O Consello da Xunta aprobou este xoves o decreto polo que declara ben de interese cultural (BIC) na categoría de monumento o conxunto parroquial de San Martiño de Barcia de Mera, en Covelo, na comarca da Paradanta. A declaración chega tras os informes favorables da Real Academia de Belas Artes, da Universidade de Vigo e do Consello da Cultura Galega e culmina así un proceso en que non se rexistraron  alegacións.

O decreto valora o valor histórico do conxunto, que se califica como “mostra excepcional” da arquitectura da Diocese de Tui dos séculos XVI e XVII e, por extensión, da arquitectura barroca desenvolvida no medio rural galego. Tamén se valora a “elevada calidade” de todas as construcións e o uso dunha fábrica de cantería de granito que “lle outorga unha gran monumentalidade ao ben”.

Este é o primeiro paso da folla de ruta do Goberno autonómico para este conxunto, xa que a Xunta de Galicia ten previsto participar tras a redacción do proxecto en que se definan os seus usos e, despois, o Concello podería acollerse ao 1,5% cultural para acometer a rehabilitación do inmoble. Con este, declaráronse xa 107 BIC desde a entrada en vigor da Lei de patrimonio cultural de 2016, o que supón que Galicia teña na actualidade un total de 781.

Amplo conxunto

O expediente inclúe o mapa que delimita o conxunto de edificacións, construcións e terreos protexidos. A liña exterior do denominado igrexario de Barcia de Mera é asimilable coa parcela catastral da que é titular a Diocese de Vigo-Tui e englobaría a totalidade do conxunto parroquial.

Para a delimitación do contorno de protección tomouse como referencia a topografía, tratando de definir a cunca visual, e empregáronse os elementos xeográficos que constitúen límites físicos de por si, como o río Alén, que tamén marca a división entre municipios e os camiños e estradas que acostuman separar eidos distintos e o parcelario histórico na escala máis miúda.

A declaración afecta un amplo conxunto de edificacións, construcións e terreos: a igrexa parroquial, a casa reitoral, as construcións e espazos vencellados a estas, o adro da igrexa e o igrexario. Tamén se protexe un total de 26 bens mobles procedentes do interior do conxunto arquitectónico de Barcia de Mera, entre os que se inclúen distintas tallas relixiosas e cruces procesionais e de relicario.

Salir de la versión móvil