O conxunto histórico de Tui avanza na súa recuperación

Casco histórico de Tui // Concello de Tui

Publicidad

Tui será un dos concellos que se beneficie do programa Rexurbe da Xunta de Galicia e contará con 300.000 euros para a adquisición de inmobles situados no seu conxunto histórico para a construción e rehabilitación de edificios de vivenda.

O programa, executado a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) destinará un total de 1,5 millóns de euros a recuperar os núcleos históricos degradados de Ferrol, Ribadavia, Betanzos, Ourense e Tui. No caso do municipio baixomiñoto, a partida será de 300.000 euros e actuará nos inmobles situados nas rúas Bispo Lago, Antero Rubín, Cuenta, Piñeiro, Sanz, Pracer, Bispo Castañón, Porta da Pía, Ordóñez, Seixas, Párroco Rodríguez Vázquez, San Telmo, Tide, Ouro, nos calexóns das Monxas, Tide, Ouro, camiño Entrofornos, ou nas prazas de San Fernando, Pracer, do Concello, e da Armada Española.

Os propietarios interesados en vender os seus inmobles dispoñen ata o 31 de xullo de 2019 para presentar as súas ofertas ao Instituto Galego da Vivenda e Solo. Na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia recóllense as características que deben reunir os inmobles, así coma o proceso de solicitude que deben cumprimentar os propietarios que desexen vender as vivendas situadas .

O conxunto histórico tudense está considerado como un dos máis grandes e importantes de Galicia. Ademais de exemplos de arquitectura singular, como a Catedral de Santa María, conta tamén con destacadas mostras de arquitectura xudía. Nos últimos días, o municipio logrou a súa inclusión na Red de Juderías de España, que se suma ao traballo dos últimos anos de posta en valor e dinamización do casco vello como unha novidosa sinalización apoiada nunha plataforma dixital instalada no 2016.

Salir de la versión móvil