“Máis que un cole”. Así se define un dos colexios rurais agrupados máis grandes de Galicia a través da súa nova campaña de posta en valor dun modelo educativo diferenciado. Situado en Tomiño, o CRA Mestre Manuel Garcés presume do seu método de traballo de escola rural, con ambiente familiar, espazos acolledores baseado na aprendizaxe activa e autónoma apegada a natureza.
O colexio organizará unhas xornadas de portas abertas o vindeiro 3 de marzo en horario de mañá e tarde (10.00h a 13.00h e 16.00h a 18.30h), co fin de dar a coñecer o centro e o seus métodos de traballo no que se forman actualmente máis de 130 nenos e nenas de entre 3 e 5 anos repartidos en 13 aulas espalladas polo rural tomiñés.
Na actualidade conta con dezaseis mestres de educación infantil, profesorado especialista de psicomotricidade, música, inglés, pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe. Dispón ademais dun departamento de orientación propio e con persoal coidador para atender aos nenos con necesidades especiais. “Ofertamos unha educación integral que fomenta a autonomía, sen materias nin libros de texto, pensada para fomentar aquilo que o neno é e non o que queremos que sexa, dándolle gran importancia ao xogo libre, ao contacto coa natureza e o traballo con materiais naturais, nun espazo agradable, pensado e preparado exclusivamente para eles”, explica o director, Antón de Valenzuela.
O profesorado conta con plans de formación permanente en novas pedagoxías e metodoloxías de ensino. “Ofertamos unha educación integral que fomenta a autonomía, sen materias nin libros de texto, adaptada á forma de pensar do neno, a súa espontaneidade e a fomentar aquilo que o neno é e non o que queremos que sexa, dándolle gran importancia ao xogo libre, ao contacto coa natureza e o traballo con materiais naturais, nun espazo agradable, pensado e preparado exclusivamente para eles”, explica Valenzuela.
Para favorecer a autonomía dos pequenos, lévanse a cabo “traballos responsables”, coma abrir a porta, preparar e servir as merendas, atender o teléfono, coidar ás plantas, etc.
Estar no rural non significa ser analóxico. O alumnado dispón de equipamento e materiais informáticos de última xeración, velocidade de conexión a internet de alta velocidade, e do programa Abalar Móbil para facer chegar os avisos ás familias.
A relación coa comunidade educativa, con outros centros, e coa contorna en xeral, é outro dos pilares do proxecto educativo, polo que é habitual que se programen visitas aos comercios, mercado, Centro de Dia, etc., participando tamén en actividades transfronteirizas con Vilanova da Cerveira (Portugal).