En menos dunha hora a vicepresidenta primeira del Gobierno e ministra de Asuntos Económicos y Transformación Digital, Nadia Calviño, achegou ao estudantado e profesorado da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo as claves da situación económica na que se atopa España, así como as expectativas de futuro que poden xerar no país os fondos europeos Next Generation. Nunha conferencia e posterior coloquio dirixido especialmente ao alumnado do centro, Calviño reiterou que a recuperación económica en España está en marcha e incidiu na oportunidade que cos fondos procedentes de Europa enfronta o país para ser máis verde, máis dixital, máis xusto e máis sostible. “O Plan de Recuperación é un exercicio de xustiza interxeracional”, asegurou Calviño, que tamén debullou os plans e reformas que o Goberno de España está a impulsar en ámbitos fundamentais, “porque definen a contorna onde ides desenvolver o voso futuro”. Na quenda de preguntas, a ministra de Asuntos Económicos reiterou a aspiración de executivo de incrementar o salario mínimo nun 60% nesta lexislatura, ao tempo que incidiu na importancia das medidas aprobadas esta semana polo Goberno para facer fronte ao incremento do prezo da enerxía e reiterou a necesidade de seguir avanzando cara un novo modelo enerxético e de xestión da enerxía máis eficiente e intelixente.
“As oportunidades son inmensas se tomamos agora as boas decisións”, asegurou Nadia Calviño na súa intervención no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, onde estivo acompañada polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e o decano do centro, Jorge Falagán. Na presentación da vicepresidenta, o reitor asegurou que estamos nunha etapa que para o país é transcendental despois que Europa fose solidaria, nomeadamente cos países dos sur. “Esa é unha batalla gañada da que podemos estar todos moi satisfeitos e agora o que nos queda é estar nesta transición, conseguindo que teñamos un país mellor, máis próspero, máis xusto e máis equitativo”, sinalou Reigosa na súa intervención.
A recuperación está en marcha
Logo de amosar abertamente a súa satisfacción por regresar a súa terra “aínda que son de A Coruña. Ninguén é perfecto”, bromeou Calviño, a ministra de Asuntos Económicos comezou a súa intervención asegurando “que este é un momento moi importante para o país” logo de 19 meses moi duros, “nos que nos enfrontamos a retos moi importantes e é fundamental a participación dos mozos porque é o voso futuro”. Para Calviño a “recuperación está en marcha, é moi intensa e todos os indicadores o amosan”, unha afirmación que se sostén, en indicadores que detallou: o mercado de traballo, “a campaña de verán foi moi ben, as afiliacións á Seguridad Social de principios de setembro tamén están indo moi ben, o que fai que teñamos en afiliacións á Seguridad Social un número superior ao que tiñamos en 2019”; o paro xuvenil, que está por debaixo do existente antes da pandemia; e a continua baixada do número de traballadores en ERTE, ata situarse arredor dos 260.000, agardándose que en breve, en termos netos, xa se acaden os niveis prepandemia. “A previsión é que España sexa un dos motores do crecemento económico este ano e o próximo con taxas moi importantes do 6,5% este ano e 7% o próximo e iso fará que en 2022 recuperemos o PIB que tiñamos antes de que nos golpease a pandemia e en 2023 esteamos de volta na senda de crecemento que tiñamos antes de que chegase o virus”, avanzou a ministra , que destacou a rápida recuperación que se está a rexistrar nesta crise logo de tres anos e que contrasta claramente coa anterior crise financeira vivida hai 12 anos.
A clave para esta pronta recuperación Calviño ten claro que hai que buscala nunha resposta de política económica totalmente distinta. “Tivemos unha política monetaria acomodaticia, unha boa coordinación a nivel internacional, destacando a actuación do G20, a política monetaria axudou, tamén tivemos estabilidade nos mercados de débeda o que nos permitiu aos gobernos reaccionar desde a perspectiva da política fiscal despregando un paquete de axudas que desde marzo do ano pasado adoptamos de xeito coordinado, tamén dentro da UE: avais do ICO, ERTES, axudas transferidas ás comunidades autónomas, etc..”, detallou Nadia Calviño.
A ministra, que asegurou, que “ademais dunha base para a recuperación, tamén temos un bo plan para a recuperación”, destacou a resposta solidaria acadada desde Europa, sinalado a importancia do cuantitativo, pero tamén do político. “Que importante que a UE, que durante tantos anos estivera dando de protección aos bancos, establecese unha rede para as persoas. Iso supón un paso moi importante na construción da Europa dos cidadáns”, afirmou Calviño, que lembrou que os 140.000 millóns de euros que España recibirá da UE ata 2026 supoñen un volume de recursos similar ás transferencias de fondos estruturais recibidos desde a incorporación do país á Unión Europea hai 30 anos. “Temos ante nós unha oportunidade de transformación que equivale ao que fixemos desde a nosa adhesión á UE en termos de investimentos e ademais vai acompañado de reformas estruturais para tratar de ter un modelo de crecemento máis verde, máis dixital, máis xusto e máis sostible”, dixo a vicepresidenta para quen o Plan de Recuperación é un “exercicio de xustiza interxeracional” que a mocidade debe facer seu e, que no caso de España, se desenvolve a través dos eixos: verde, dixital, territorial e de igualdade de xénero.
Salario mínimo, inflación e prezo da enerxía
Finalizada a súa exposición, a ministra de Asuntos Económicos respondeu ás preguntas do alumnado da FCCEE, comezando por asegurar en relación coa inflación que tradicionalmente afecta a España, que neste intre, e a pesar de que o incremento dos prezos da enerxía si ten un efecto sobre a inflación, a inflación subxacente segue bastante estable. “Os bancos centrais en xeral consideran que se trata dun fenómeno transitorio que responde á alza dos prezos enerxéticos e aos problemas que están a ter as cadeas de subministro en adaptarse a esta recuperación tan intensa”, explicou Calviño, que en relación co incremento do salario mínimo interprofesional lembrou que nestes tres últimos anos subiu un 30%, recuperando o perdido na última década. “Creo que coa recuperación tan intensa e co crecemento do emprego que estamos a ver é o momento de ter un alza na última parte do ano e seguir co obxectivo do 60% do salario medio que ten que ser a nosa aspiración na lexislatura”, afirmou a ministra.
En relación co incremento experimentado polos prezos da enerxía, Nadia Calviño lembrou que este é un problema derivado do aumento dos prezo dos dereitos de emisión de CO2, ata o punto que nos atopamos neste intre en niveis previstos para 2030, e no que desde o primeiro momento o Gobierno interveu para intentar paliar o impacto no peto da cidadanía e nas empresas. Neste sentido, a vicepresidenta destacou as medidas aprobadas esta mesma semana polo executivo e amosou o seu convencemento en que terán impacto “pero sen perder de vista que estamos nun proceso de transición enerxética”, dixo. Sobre dúas formas de enerxía concretas, a nuclear e a solar, Calviño lembrou que no caso das primeiras o Gobierno mantén o plan de peche de centrais acordado hai anos e que seguirá adiante en función da penetración das enerxías limpas. En relación coa solar, logo de lembrar que o executivo de Sánchez eliminou ao pouco de chegar o imposto ao sol que desincentivaba o uso desta enerxía, Calviño destacou que “as enerxías renovables non só son máis limpas, senón tamén as máis baratas, e ten sentido que España avance neste sentido cun plan a 2030 e outro a 2050 e sen poñer en risco o subministro”.