O Concello de Salceda botou a andar un gabinete de atención temperá para atención á poboación infantil de 0 a 6 anos co obxectivo de dar resposta canto antes ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.
Nesta semana, a alcaldesa Loli Castiñeira e a concelleira de Benestar Social, Gela Ledo, visitaron as instalacións que o Concello creou no Centro de Servizos Sociais da Devesa e reuníronse coas profesionais que prestan o servizo, que lles trasladaron a boa marcha do mesmo nestes momentos iniciais en que xa contan con máis de 15 nenos e nenas, e comentáronlles o punto no que se atopan nestes momentos, con entrevistas ás familias para avaliar as necesidades de cada caso. O gabinete está preparado para atender en torno a 30 nenos e nenas, que deben vir derivados dende o servizo de pediatría. Aínda así, lembran que calquera familia pode achegarse a pedir información, e aproveitaron para anunciar a próxima celebración dunha xornada de portas abertas o vindeiro 15 de outubro para que toda a veciñanza poida coñecer o servizo de primeira man.
O gabinete conta cun equipo especializado formado por tres integrantes dos campos da psicoloxía, logopedia e fisioterapia, e atende tres días da semana en Salceda e dous nas Neves. O servizo está financiado nun 80% pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, para o que concedeu unha partida de 15.603,17 euros que o equipo de goberno solicitara na anterior lexislatura e que agora bota a andar a través da Concellaría de Benestar Social.
O Concello de Salceda de Caselas amplía así a súa carteira de servizos á infancia. O Gabinete de atención temperá únese ao servizo de pedagoxía e logopedia co que xa conta o Concello dende fai unha década, e que o converte nun dos poucos Concellos de Galicia que ofreza estes dous servizos.
Tanto o gabinete de atención temperá como o servizo de logopedia existente ata o de agora, traballan en contacto constante cos equipos de orientación dos diferentes centros escolares de Salceda, así como coa pediatra do centro de saúde, garantindo así a cobertura á maior cantidade de nenos e nenas posible, e analizando as diferentes necesidades de cada quen dende os diferentes sectores.