A tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Redondela camiña cara a súa aprobación inicial algo que, segundo os cálculos do Goberno local, podería producirse nos primeiros meses do vindeiro 2022. Con ese fin, o pasado luns, técnicos da empresa encargada da redacción do documento, mantiveron unha xuntanza de traballo en Redondela co Goberno local e grupos da Corporación Municipal. Era esta unha das últimas reunións programadas no calendario de traballo que comezaba o pasado mes de maio e que tiñan por obxectivo informar, mes a mes, dos avances na elaboración do documento.
As reunións celebradas daban resposta a intención do Goberno local redondelán de que o proceso de elaboración do que é, sen dúbida, o documento máis importante para Redondela, “fora aberto, transparente e no que todos os grupos da corporación dispuxeran, en todo momento, de toda a información”, explica a concelleira de Urbanismo, María Castro.
A concelleira lembra que é un documento “fundamentalmente técnico” pero para o que é precisa “a colaboración e implicación de todos os grupos políticos así como do conxunto da cidadanía”. En todo caso a responsable de Urbanismo lembra que o proceso de exposición pública ao que será sometido o documento “debe entenderse como un proceso de perfeccionamento do propio documento a través das achegas das veciñas e veciños así como dos distintos organismos e administracións con competencias na materia”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lembra que “este é o documento máis importante para unha administración local e, como tal, debe contar co maior consenso posible e sería importantísimo que obtivera, de cara a súa aprobación inicial, unha clara e ampla maioría”. Unha vez superada a aprobación inicial, o Concello deberá someter o Plan Xeral á información pública durante un período de dous meses e remitilo, posteriormente, á Dirección Xeral de Urbanismo para continuar co procedemento regrado.