O Movemento Galego polo Clima mobilízase en Vigo tras denunciar ao Goberno pola "escasa ambición climática"

Publicidad

Fridays for Future Vigo - Xuventude polo clima concentrouse o 24 de setembro co obxectivo de dar a coñecer o litixio emprendido contra o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) do Goberno estatal, xa formalmente aprobado, para esixir xudicialmente que se cumpran os compromisos internacionais adquiridos e asuma a súa responsabilidade pola falta de políticas efectivas contra o cambio climático.

Esta mobilización conta con convocatorias en 16 localidades do territorio español, sendo Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela tres delas. As organizacións demandantes (Fridays for Future, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Coordinadora de ONGD e Oxfam Intermón) destacan que o derradeiro avance do IPCC amosa con claridade como o cambio climático avanza con consecuencias cada vez máis severas en todo o planeta, que serán irreversibles durante siglos ou milenios, e cuxa responsabilidade recae na humanidade.

As organizacións convocantes sinalan que "os plans e estratexias autonómicas e estatais sobre cambio climático perseguen unha redución de emisións de gases de efecto invernadoiro inferior ao 25% para o ano 2030, mentres que diversos informes científicos, co propio IPCC á cabeza, esixen unha redución superior ao 55%, co obxectivo de manter o incremento das temperaturas por debaixo do 1,5%". Nesta ocasión, a convocatoria esixe xustiza fronte á emerxencia climática para apoiar o denominado ‘Xuízo polo Clima’, que conta xa con máis de 48.000 adhesións. Concretamente, trátase dunha denuncia ante o Tribunal Supremo presentada polas organizacións citadas anteriormente contra o Goberno, dada a falta de compromiso e ambición deste último en materia climática.

Hai que sinalar que España non é o único país no que se emprenderon accións deste tipo. En Holanda, Francia e Alemaña aconteceron situacións similares, resolvéndose finalmente de forma favorable á cidadanía. “Non se trata de escoller entre o desenvolvemento económico e o medioambiente, senón de emprender un novo rumbo, no que entendemos que sen salvagardar o medio ambiente e o clima non teremos un futuro digno”, aseguran no manifesto da concentración.

Salir de la versión móvil